Galicia súmase á Rede Europea de Xardíns históricos con nove xardíns singulares unidos pola camelia

O máximo responsable do Instituto Europeo das Rutas Culturais, Stefano Dominioni, foi o encargado de facer entrega dos diplomas de certificación que acreditan a integración dos xardíns galegos neste Itinerario Cultural Europeo, certificado polo consello de Europa desde 2020.

A rede contaba ata agora con 31 xardíns situados en diferentes países europeos dos que cinco estaban en España.

Lloret de Mar (Xirona), 6 de abril de 2022

Galicia vén de incorporarse á prestixiosa Rede Europea de Xardíns Históricos aportando un total de nove xardíns galegos que foron valorados positivamente polo comité científico da rede encargado de avaliar as novas incorporacións. A certificación produciuse a finais do ano pasado e foi hoxe, no marco da celebración da Asemblea xeral da Rede Europea de Xardíns Históricos, cando se fixo efectiva coa entrega das certificacións que acreditan a integración destes nove xardíns galegos que teñen todos eles como fío condutor a camelia.
O máximo responsable do Instituto Europeo das Rutas Culturais, Stefano Dominioni, foi o encargado de facer entrega das certificacións dos novos xardíns que se integran así neste itinerario, unha certificación que recolleu a Xunta de Galicia como xestora e promotora da posta en valor internacional destes recursos turísticos de primeiro nivel a través da adhesión a este itinerario cultural europeo, un dos últimos Itinerarios Europeos certificados polo Consello de Europa, que acredita o valor histórico, artístico e social de xardíns de toda Europa
Trátase dos seis xardíns situados na provincia de Pontevedra: Pazo de Oca; Pazo de Quinteiro da Cruz; Quiñones de León; Lourizán; Pazo de Rubianes e Soutomaior xunto cos tres da provincia da Coruña: Pazo de Santa Cruz, Mariñán e a Alameda de Santiago.
Con estas incorporacións, Galicia pasa a reunir a maior concentracións de xardíns históricos acreditados neste itinerario cultural europeo de España, onde ata o de agora só había cinco que contaban con este recoñecemento, situados en Andalucía, Illas Baleares, Cataluña e Madrid.
A certificación Itinerario Cultural do Consello de Europa é unha garantía de excelencia que permite a estas rutas promover a súa internacionalización e impulsar un turismo de alto valor. Ata o de agora o Itinerario contaba con 31 xardíns situados en sete países: Xeorxia, Alemaña, Hungría, Grecia, Italia, Polonia, Portugal e Italia.
Desde a Xunta búscase con este recoñecemento seguir avanzando nunha oferta turística cultural, de calidade e diferenciada, baseada nun recurso turístico de excelencia que encaixa coa promoción dun turismo responsable, sostible e vencellado coa experiencias únicas e coa conservación das contornas, ademais de promover a internacionalización do noso destino e o turismo patrimonial e cultural.


Itinerario Europeo de Xardíns Históricos


A Ruta Europea de Xardíns Históricos é un dos Itinerarios Culturais Europeos de máis recente creación, aprobado polo Consello de Europa en 2020. O primeiro destes Itinerarios Culturais Europeos foi de feito o Camiño de Santiago, que se convertía en 1987 na primeira ruta cultural europea.
A dos Xardíns Históricos está impulsada polo Itinerario Europeo de Xardíns Históricos (IEJH), unha asociación sen ánimo de lucro promovida por Lloret de Mar, Aranxuez (a través da Fundación Aranxuez Paisaxe Cultural) e o Laboratorio de Patrimonio, Creatividade e Turismo Cultural da Universitat de Barcelona, co obxectivo de reunir ao maior número de entidades xestoras de Xardíns Históricos de Europa e constituír unha rede estable que permita xerar unha oferta cultural e turística de calidade, coa pretensión de desenvolver os territorios onde se atopan.

Imaxes relacionadas