A Xunta adxudica por máis de 3,5 M€ a execución das obras de mellora do sistema de saneamento de Celeiro, no Concello de Viveiro

Construirase un novo bombeo e un depósito de retención, que levarán directamente as augas residuais de Celeiro cara ao novo pretratamento da depuradora de Viveiro

A actuación inclúe a mellora da condución de vertido submarino da depuradora municipal, que está a ser ampliada para asumir o incremento de demanda procedente deste núcleo
 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 3.521.947 euros a execución das obras de mellora do sistema de saneamento de Celeiro, completando a mellora do tratamento das augas na ría de Viveiro. A actuación inclúe a mellora da condución de vertido submarino da depuradora municipal.

Este contrato, adxudicado á UTE Seranco, SAU-Obras Marítimas y Submarinas, S.L., ten  un prazo de execución de 12 meses.

Os traballos centraranse na  construción dun novo bombeo e dun depósito de retención, que levarán directamente as augas residuais de Celeiro cara ao novo pretratamento da depuradora.

Máis en detalle, executarase un bombeo cun tanque de tormentas de 650 m3 de volume útil que substituirá o actual bombeo de pretratamento de Celeiro, e desde o que se impulsará a auga ata o novo pretratamento de Viveiro. Permitirá a laminación, tanto nas puntas durante o día, como nos caudais en tempo de choiva.

Así mesmo, construirase unha nova condución de desaugue submarino que se conectará ao actual tramo terrestre e que funcionará por gravidade a través dunha cámara de carga situada a continuación da desinfección da depuradora.

Esta nova intervención de saneamento de Celeiro súmase ás obras de ampliación da depuradora municipal, que está a ser ampliada pola Xunta para asumir o incremento de demanda procedente deste núcleo.

Deste xeito, as obras obxecto do contrato adxudicado completarán os traballos de saneamento da ría de Viveiro, que supoñen un investimento conxunto da Xunta de preto de 8 millóns de euros.

Estas actuacións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a traballar polo saneamento da ría de Viveiro, apoiando ao Concello nas súas competencias, como tamén prevé facer nos municipios de Foz, de Burela ou de Barreiros.