A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe o proxecto deste novo itinerario na estrada AC-131

Ethel Vázquez avanza que a Xunta investirá 500.000 € na construción dunha nova senda entre O Peteiro e O Baño, que estará á disposición dos veciños e visitantes de Mugardos no verán do vindeiro ano

Vázquez Mourelle detalla que o proxecto estará en información pública ata o 12 de xullo e que as obras se licitarán en outono para comezalas a inicios do próximo ano

Subliña os obxectivos de facilitar desprazamentos máis seguros e saudables e poñer en valor unha contorna de gran valor natural e turístico, que inclúe a praia da Bestarruza ou o Castelo da Palma

Executarase un itinerario de 600 metros pola marxe dereita da AC-131, partindo do punto en que finalizan as beirarrúas existentes ata a vía urbana de acceso ao Baño

Tamén se prevé unha zona de esparcemento e facilitarase a conexión coa marxe esquerda da vía, onde están a maioría das edificacións, cun paso de peóns e escaleiras

A Xunta acometeu nesta zona outras sendas como a que une Mugardos e Ares, cun investimento de 1,5M €; e antes do verán terá finalizada a que conecta Franza e Rilo, cun orzamento de 500.000 €

Na última década o Goberno galego leva executados máis de 200 km de sendas peonís

Mugardos (A Coruña), 31 de maio de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta investirá 500.000 euros na construción dunha nova senda entre O Peteiro e O Baño, que estará a disposición dos veciños e visitantes de Mugardos no verán do vindeiro ano.

Vázquez Mourelle presentou hoxe o proxecto deste novo itinerario na estrada AC-131, que hoxe inicia a súa información pública, polo que todos os interesados teñen de prazo ata o 12 de xullo para presentar as súas achegas.

A titular de Infraestruturas detallou que a Xunta traballa para licitar as obras o vindeiro outono, de forma que os traballos poidan empezar a comezos do próximo ano e estar en servizo no verán de 2023.

Subliñou os obxectivos desta nova actuación de facilitar desprazamentos máis seguros, máis limpos e máis saudables e contribuír a poñer en valor unha contorna de gran valor natural e interese turístico: a praia da Bestarruza, a baía do Baño e, sobre todo, o Castelo da Palma.

Ethel Vázquez explicou que a construción desta nova senda entre O Peteiro e O Baño responde a unha solicitude municipal, que a Xunta atende porque encaixa nos obxectivos de seguridade viaria e de fomento da mobilidade limpa e saudable que está a fomentar.

Trátase dun itinerario de case 600 metros que se construirá pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, partindo do punto en que finalizan as beirarrúas existentes ata a vía urbana de acceso ao Baño.

A conselleira subliñou o deseño da actuación atendendo á  integración e ao respecto ás propiedades e aos valores ambientais, polo que, se ben a senda transcorrerá, en xeral, paralela á estrada, en certos puntos desviarase para manter as árbores.

A intervención precisará dunha serie de muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e reducir a altura do terraplén que presenta o terreo.

Tamén se prevé habilitar unha pequena zona de esparcemento con elementos de mobiliario urbano, así como facilitar a conexión coa marxe esquerda, onde están a maioría das edificacións, mediante a disposición dun paso de peóns e unhas escaleiras de acceso.

Ademais as obras prevén unha rede de drenaxe, alumeado, reposición de acesos e elementos de restauración paisaxística.

Outras actuacións

Ethel Vázquez lembrou que o Goberno galego leva anos traballando de forma intensa para fomentar a mobilidade sostible en Mugardos, poñendo á disposición itinerarios que faciliten os desprazamentos cotiáns sen coller o coche.

Referiuse á senda de case 4 km entre Mugardos e Ares, que supuxo unha importante mellora da estrada AC-130, grazas a un investimento de 1,5 M€, rematada xa no ano 2019.

Tamén citou o novo itinerario entre Franza e Rilo, tamén esencial para a vertebración peonil desta zona, a través da estrada AC-133. Neste caso, é unha senda entre a rotonda de Franza, onde se atopa a piscina municipal, e a entrada ao Rilo, con 1,3 km, completando así practicamente o percorrido completo ata o núcleo de Mugardos. Esta obra, á que a Xunta destina case medio millón de euros, está xa a piques de rematarse, de forma que xa antes do verán estará á disposición dos veciños.

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta leva máis de 200 km de sendas peonís construídos na última década e segue traballando en novos proxectos como o presentado hoxe en Mugardos.

Imaxes relacionadas