A Xunta comezará mañá as obras dunha nova senda peonil na estrada autonómica PO-233, no lugar da Xesteira, no concello de Cerdedo-Cotobade

A titular de Infraestruturas salienta que as obras suporán un investimento autonómico de preto de 48.000 euros

Trátase dun itinerario na marxe esquerda da estrada PO-233, entre os puntos quilométricos 5+630 e 5+910, que actualmente carece de zona de circulación peonil independente do tráfico rodado
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou ao alcalde de Cerdedo-Cotobade de que a Xunta executará unha nova senda peonil na estrada autonómica PO-233, ao seu paso polo municipio, no lugar da Xesteira, cuxas obras se prevé que dean comezo mañá mesmo.

Ethel Vázquez mantivo, este mediodía en San Caetano, un encontro de traballo co alcalde, Jorge Cubela, a quen lle comunicou que os traballos acaban de ser adxudicados á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Portela S.L.

 

Segundo avanzou a titular de Infraestruturas, as obras suporán un investimento autonómico de preto de 48.000 euros.

Durante o encontro co alcalde, Ethel Vázquez detallou que os traballos consistirán na construción dunha senda peonil na marxe esquerda da estrada PO-233, a estrada Bora-Carballedo, entre os puntos quilométricos 5+630 e 5+910, que actualmente carecen de zona de circulación peonil independente do tráfico rodado.

 

A senda executarase en formigón, cun ancho mínimo de 2 metros, con bordos e unha elevación con respecto da calzada de 10 centímetros. Nos vaos peonís previstos, nos extremos da senda, colocarase pavimento táctil.

 

Ademais, alí onde sexa necesario, realizarase a escavación do terreo ata unha profundidade de 30 centímetros para, a continuación, dispoñer un recheo de chan seleccionado de idéntico espesor sobre o que se executará a senda.

 

Tamén se colocará unha varanda metálica e prevese o traslado da marquesiña existente na zona, así como a reposición da sinalización. As obras incluirán unha canalización subterránea para a drenaxe da propia senda.

 

Ethel Vázquez enmarcou esta actuación no compromiso do Goberno galego por habilitar nas estradas de titularidade autonómica itinerarios seguros, saudables, sostibles e integrados na paisaxe.

Imaxes relacionadas