A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e representantes da Fundación RIA presentaron o proxecto co lema “De estrada a rúa”, con propostas de actuación na AC-305 ao paso polos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo cun orzamento global de 12 M€

Ethel Vázquez avanza que na vindeira primavera se iniciarán as obras para transformar a estrada AC-305 ao seu paso por Palmeira en Rúa, cun investimento de 2,2 M€

Vázquez Mourelle indica que a actuación en Palmeira, que se centrará en recuperar o espazo público para os veciños e reforzar a seguridade viaria, servirá de modelo para as outras intervencións proxectadas nos municipios polos que discorre a AC-305

En Ribeira tamén se actuará na zona de Coroso, nun treito de 1,3 km onde se concentra o acceso ao porto, a praia ou a zona comercial

Ribeira (A Coruña), 1 de xullo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que as obras para transformar a estrada AC-305 ao seu paso pola travesía de Palmeira en rúa, se licitarán a finais de ano e comezarán na vindeira primavera cun investimento de 2,2 millóns de euros.

 

Esta actuación enmárcase no proxecto que, baixo o lema, “De estrada a rúa”, a Xunta desenvolverá da man da Fundación RIA na estrada autonómica AC-305 ao seu paso polos concellos de Ribeira, da Pobra do Caramiñal, de Boiro e de Rianxo.

 

Ethel Vázquez e representantes da Fundación RIA presentaron hoxe o conxunto de propostas de intervencións integrais para recuperar o carácter humano da AC-305, que suporán un investimento estimado de 12 millóns de euros.

 

O obxectivo das intervencións, deseñadas pola Fundación RIA en visión conxunta cos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, é gañar espazo para as persoas, desde unha perspectiva global compatible coa actividade empresarial, comercial e portuaria de cada zona.

 

Trátase de dar prioridade á mobilidade peonil, promovendo aparcadoiros disuasorios máis afastados do centro neurálxico de actividade, mellorando o acceso ao transporte público ou coa ampliación de beirarrúas.

 
5 actuacións

De xeito máis detallado, o proxecto recolle 5 propostas de intervención ao longo de 5 quilómetros da estrada AC-305, naquelas zonas nas que se rexistra unha maior conflitividade entre o tráfico rodado e o tránsito peonil.

 

A actuación na travesía de Palmeira consistirá na renovación integral dun treito de 1 km, ao paso pola zona marítima de Ribeira para recuperar o espazo público da AC-305 para os veciños, con actuacións que supoñen a mellora da mobilidade e da seguridade viaria.

 

Esta actuación servirá como modelo para replicar nos outros puntos de intervención, como é o caso da segunda que se prevé acometer no concello de Ribeira, en Coroso, nun treito de preto de 1,3 km, onde se concentra o acceso ao porto, a praia, a zona comercial e outros equipamentos.

 

Na Pobra do Caramiñal a actuación centrarase no treito de 1,1 km da AC-305 que percorre a fachada marítima, na contorna onde se sitúa a alameda ou a praza.

 

No caso de Boiro, propóñense dúas intervencións: unha en Escarabote, nun treito de 800 metros que engloba a baixada ao porto e a área de equipamentos tradicionais; e outra nun treito de 1,3 km na capitalidade, onte están a igrexa ou a Casa do Concello.

 

A quinta intervención será no municipio de Rianxo, concretamente en Taragoña, actuando en máis de 400 metros, en cuxa contorna se sitúa a igrexa, a escola, o acceso á autovía e varios negocios.

 

A responsable de Infraestruturas detallou que se está a avanzar nas propostas para acometer as citadas actuacións, polo que unha vez que estean concretadas se redactarán os proxectos construtivos, previos á licitación das obras.

Imaxes relacionadas