O presidente da Xunta participou na reunión da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas

Rueda invita os galegos do exterior a facer o camiño de volta cos programas da Xunta para o retorno, nos que Galicia é pioneira

Reafirma o compromiso do Goberno galego coa colectividade, con axudas aos emigrantes que viven fóra e con incentivos aos que retornan. “É un dereito dos galego e un tributo á nosa terra”


Anuncia unha nova Estratexia Retorna e recorda que Galicia é a comunidade que máis inviste neste eido
 

 Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, invitou hoxe aos galegos do exterior a facer o camiño de volta cos programas da Xunta para o retorno, nos que Galicia é pioneira.

 

Na reunión anual da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, que o titular do Goberno galego presidiu en Santiago de Compostela, Rueda recoñeceu que Galicia está en débeda cos emigrantes, que contribuíron “a facer unha Galicia mellor”. En resposta a esa colaboración, a Xunta reafirma o seu compromiso coa colectividade do exterior, “unha prioridade do Goberno galego”.

 

O orzamento da Secretaría Xeral da Emigración acadou este anos os 16,2 millóns de euros, incrementándose en máis dun 100% desde o ano 2015, co obxectivo de apoiar á comunidade galega no exterior en todo o que precise, con achegas para os maiores dependentes, cubrindo as necesidades básicas e sociosanitarias das familias en situación de emerxencia social, con axudas á dixitalización e con programas de retorno.

 

Galicia é a comunidade autónoma con maior retorno; de feito, nos últimos catro anos regresaron 25.000 emigrantes; ademais, unha de cada catro persoas que chegan do exterior son retornados. Galicia tamén é o territorio español que máis inviste neste eido, con 5,5 millóns de euros o ano pasado. A Xunta está a piques de aprobar unha nova convocatoria da Estratexia Retorna para revalidar a aposta pola atención aos galegos do exterior. “É un dereito dos galegos e un tributo á nosa terra”, indicou o presidente da Xunta, “porque axuda a afrontar o reto demográfico e a mellorar a competitividade”.

 

A Estratexia Retorna, unha iniciativa na que Galicia é pioneira, reforzará os tres principais programas de retorno, con axudas á integración do emigrante retornado, con bolsas de estudos para dar oportunidades aos máis novos que regresan á terra dos seus avós e con achegas ao retornado emprendedor.

 

Alfonso Rueda manifestou a súa satisfacción polo feito de que a reunión da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas se celebrase en Santiago coincidindo co Xacobeo. O presidente da Xunta, que falou das similitudes entre o emigrante e o peregrino, “porque as dúas son experiencias de superación”, invitou aos membros do Consello das Comunidades Galegas a facer o Camiño, pero sobre todo, “a facer o camiño de volta” co apoio dos programas postos en marcha polo Goberno galego para o retorno. “Esa compostela ten un valor dobre -subliñou-, porque é a recompensa do reencontro”.

 

Imaxes relacionadas