A Xunta destaca que a entrega do buque de Nodosa a Canlemar é un exemplo da capacidade de colaboración do naval galego

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Marín á entrega do barco Omvac XIV

O Goberno galego está realizando un traballo conxunto para impulsar a Estratexia Naval que afonda na diversificación e na dixitalización para estimular a demanda e xerar unha contorna favorable de colaboración entre estaleiros e centros de coñecemento
 

 Marín (Pontevedra), 21 de xullo de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Marín na entrega do buque Omvac XIV por parte de Nodosa á empresa Canlemar -con sede en Pontedeume-, un caso de éxito que puxo como exemplo da capacidade de colaboración do naval galego a través do traballo en equipo.

 

O vicepresidente económico explicou que estas dúas empresas familiares con máis de 40 anos de traxectoria son un referente para a Marca Galicia. Do mesmo xeito, subliñou que Nodosa é o estaleiro máis experimentado en España na construción de dragas e que Canlemar conta cunha ampla experiencia nacional e internacional na realización de dragados e obras marítimas. O novo buque conta con 64 metros de eslora e 12,5 de manga, capacidade de 1200 metros cúbicos e un equipo capaz de alcanzar os 30 metros de profundidade.

 

A Xunta realiza un traballo conxunto para desenvolver a Estratexia do Naval co foco posto no financiamento, na diversificación, na dixitalización e na xeración dunha contorna favorable para a colaboración entre estaleiros e centros de coñecemento. O Perte do naval tamén supón unha oportunidade para demostrar a capacidade do sector en Galicia para liderar proxectos neste eido.

Imaxes relacionadas