A Xunta executará o proxecto de restauración da explotación mineira de Monte Neme cun investimento dun millón de euros
Trenor informou de que este proxecto se inclúe dentro da proposta presentada polo Goberno galego como actuación para a recuperación ambiental de explotacións mineiras dentro dos fondos europeos
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández, anunciaron, esta mañá, que a Xunta levará a cabo o proxecto de restauración da explotación mineira de Monte Neme para a súa recuperación. Esta actuación conta cun orzamento de máis dun millón de euros.
O delegado da Xunta informou de que este proxecto se inclúe dentro da proposta presentada polo Goberno galego como actuación para a recuperación ambiental de explotacións mineiras dentro dos fondos europeos.
O representante do Goberno autonómico destacou que a Xunta está en proceso de aprobar a Axenda Galega de Minería Sostible 2030 que contempla, entre outras medidas, actuacións para a recuperación ambiental de explotacións mineiras, labores de restauración e recuperación de antigos emplazamentos mineiros.
Trenor destacou que a actuación, que xa está aprobada para Monte Neme, contempla a restauración para favorecer o coidado do chan e das augas que rodean esta zona e a restauración ambiental da mesma recuperando a súa biodiversidade natural e propiciando a súa transformación a sumideiros naturais de carbono.
O representante do Goberno galego lembrou que desde o ano 2014 a Xunta, ante a ausencia da empresa, asumiu a responsabilidade de manter a zona afectada polos labores mineiros que se deixou de traballar para garantir a seguridade na zona, impedindo o acceso. Por iso en distintas ocasións se levaron a cabo investimentos que sumaron máis de 200.000 euros.