A Xunta somete a información pública a Estratexia galega de infraestrutura verde para enriquecer o documento coas achegas de toda a sociedade

Desde hoxe e durante dous meses, os cidadáns, institucións ou empresas que estean interesados poderán acceder ao texto e remitir as súas ideas e suxestións

O Goberno galego dá cumprimento así á Lei de patrimonio natural e avanza para dotar a Galicia dun instrumento propio neste eido, un ano antes do prazo fixado
 

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2022.-

A Xunta de Galicia somete a información pública a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas co obxectivo de recoller achegas e suxestións ao documento que axuden a enriquecer o seu contido.

 

Desde hoxe e durante os vindeiros dous meses, tal e como se recolle no acordo publicado onte no Diario Oficial de Galicia, o conxunto da sociedade poderá coñecer o contido da Estratexia e facer as consideracións que considere oportunas para axudar a acadar os obxectivos e metas que se propoñen nela.

 

A Estratexia da Unión Europea sobre biodiversidade para 2030 recoñeceu e reforzou o desenvolvemento da infraestrutura verde como unha das ferramentas principais para o logro dos obxectivos ambientais da UE, algo que tamén se enmarca na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, polo que se converteu nunha prioridade de actuación a nivel comunitario.

 

Neste sentido, a Lei de patrimonio natural de Galicia de 2019 dispuxo un prazo máximo de tres anos —contado desde a aprobación da estratexia estatal ao respecto— para que a consellería competente elaborase unha estratexia galega de infraestrutura verde, logo da súa consulta ao resto de consellerías afectadas.

 

Para dar cumprimento a este mandato, Galicia deberá ter no ano 2024 unha estratexia de infraestrutura verde propia e coherente co marco normativo aprobado recentemente a nivel estatal. Con todo, unha vez se complete o trámite de información pública que comeza hoxe e se incorporen as achegas derivadas do mesmo, a Xunta estará xa en disposición de aprobala e, polo tanto, de dotar á Comunidade deste instrumento un ano antes do prazo máximo previsto.

 

Impulso e pasos dados en Galicia

Cómpre lembrar que a Unión Europea definiu a infraestrutura verde como unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos. Incorpora espazos verdes (ou azuis, no caso dos ecosistemas acuáticos) e outros elementos físicos de espazos terrestres (incluídas as zonas costeiras) e mariños.

 

Neste sentido, a Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas supón un cambio de paradigma na ordenación do territorio e un compromiso coa preservación da natureza polos beneficios que esta achega á sociedade e á sustentabilidade do planeta.

 

A Xunta impulsou no ano 2017 unha colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña para a elaboración dun documento de análise e cálculo dos servizos ecosistémicos, así como a identificación dos distintos compoñentes da infraestrutura verde. Ese traballo deu como resultado as bases científico-técnicas que serviron de referente para a elaboración da Estratexia galega.

 

Posteriormente iniciouse un proceso de participación pública para acometer o seu deseño e redacción, que se abriu á implicación de cidadáns, organizacións, institucións privadas e públicas en xeral e organismos sectoriais asociados. No marco deste proceso, entre os anos 2017 e 2018, realizáronse 47 encontros comarcais nos que participaron 957 persoas e entidades, e 7 encontros sectoriais dirixidos a axentes de diversa procedencia e que traballan neste ámbito temático, coa implicación de 150 persoas.

 

Así mesmo, tamén se abriu unha rolda de consultas nas consellerías da Xunta de Galicia en dúas fases: a primeira, no ano 2021, na que se remitiu o borrador da Estratexia a todas as Consellerías para que no prazo de 15 días remitiran as súas posibles alegacións; e a segunda, durante o presente ano, para sometela á consulta dos seguintes organismos públicos: AGADER, FOGGA, Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

 

Co sometemento agora a información pública do texto resultante deste proceso, a Estratexia continúa a súa tramitación coa finalidade de chegar ao máximo consenso posible en torno ao documento que se aprobe definitivamente.

Imaxes relacionadas