O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu á embaixadora lituana, Lyra Puišyté-Bostroem e ao embaixador panameño, Allen Seller Lara
Rueda reúnese cos embaixadores de Lituania e Panamá en España para profundar nas relacións de Galicia con estes dous países
Trasladoulle á representante diplomática de Lituania as oportunidades que se presentan no ámbito das enerxías renovables, sectores tecnolóxicos e loxística portuaria
Valorou de xeito moi positivo que en 2021 máis de 300 empresas galegas exportasen os seus produtos a Panamá, o mellor dato histórico, que vai camiño de superarse este mesmo ano
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo sendas xuntanzas coa embaixadora da República de Lituania en España, Lyra Puišyté-Bostroem, e co embaixador da República de Panamá en España, Allen Seller Lara, para profundar nas relacións bilaterais de Galicia con estes dous países e explorar canles de colaboración e oportunidades de negocio de cara ao futuro.
Na reunión coa representante diplomática lituana, na que tamén participou o cónsul honorario de Lituania en Galicia, Rafael José Espona, abordaron as novas oportunidades de colaboración en ámbitos nos que ambos territorios teñen un interese especial, como o desenvolvemento de novas fontes de enerxía renovable a partir do hidróxeno; sectores tecnolóxicos de gran valor engadido como as biotecnoloxías, o ámbito Fintech e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC); ou a loxística marítima portuaria.
As relacións comerciais entre Galicia e Lituania manteñen unha tendencia estable, ocupando esta república báltica o posto 59 no ranking de exportacións galegas pero con aspiracións de seguir medrando de maneira conxunta. En 2021 as ventas galegas a Lituania achegáronse aos 34 millóns de euros, destacando sectores como o téxtil e a moda, o metalmecánico, as industrias químicas ou o forestal. As importacións galegas procedentes daquel país superaron os 11 millóns de euros, con especial atención aos filamentos sintéticos, os cereais ou a madeira.
No primeiro semestre deste ano 2022, ata 121 empresas galegas exportaron a Lituania, as mesmas que en todo o ano 2021 e un 40% superior ao dato do mesmo período do ano pasado. Isto amosa que o país báltico é un destino atractivo para as nosas firmas.
Rueda e Puišyté-Bostroem tamén falaron de turismo e do incremento de visitantes lituanos a Galicia nos últimos anos, que se evidencian no incremento de ata o 45% de turistas lituanos este ano con respecto ao anterior. Moitos deles aproveitaron a celebración do Ano Xacobeo dobre para realizar o Camiño de Santiago.
Reunión co embaixador de Panamá
As relacións comerciais entre Galicia e Panamá tamén son estables, e esta república centroamericana ocupa o posto 68 no ranking de exportacións galegas. En 2021 as ventas galegas a Panamá superaron os 25,6 millóns de euros, destacando sectores como o agroalimentario, o téxtil e a moda, a madeira ou os barcos. As importacións galegas procedentes daquel país superaron os 5 millóns de euros, sendo o sector principal o do peixe, crustáceos e moluscos.
Rueda valorou de xeito moi positivo que en 2021 máis de 300 empresas galegas exportasen os seus produtos a Panamá, o que supuxo o mellor dato histórico desde que hai rexistros. Unha tendencia que se mantivo no primeiro semestre de 2022, onde a cifra xa se eleva a 183 compañías, un 9% máis que no mesmo período de 2021.
A relación de Galicia con Panamá é histórica, xa que a presenza de galegos en Panamá remóntase a fai máis dun século. De feito, a Xunta apoia unha iniciativa da Fundación Nosa Terra para homenaxear, cunha escultura de bronce a carón do Canal de Panamá, o labor de máis de 8.000 galegos que traballaron, fai máis de cen anos, nas obras de construción daquela gran obra de enxeñería, que constitúe un dos motores económicos do país.