Fernández-Tapias reclama ao Goberno central que impulse a alta velocidade con Portugal e concrete o seu compromiso cun calendario para a saída sur de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo considera unha “boa noticia” o anuncio por parte do Goberno de Portugal do inicio das obras da alta velocidade ferroviaria entre Porto e Vigo para o ano 2026
 

“Necesitamos o mesmo compromiso desde o Executivo de Pedro Sánchez e agardamos que as supostas xestións realizadas polo alcalde de Vigo non sexan tan inútiles como as de Stellantis ou a sede o IEO”, sinalou

Vigo, 29 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, celebrou este xoves o anuncio por parte do Goberno de Portugal para iniciar as obras da alta velocidade entre Porto e Vigo en 2026 e reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez que mostre o mesmo grado de compromiso e impulse a saída sur con datas concretas e compromisos orzamentarios.

 

“Estamos ante unha boa noticia para Galicia, posto que se trata dunha infraestrutura fundamental para o desenvolvemento da Eurorrexión, e este novo paso desde Portugal debe servir para que o Goberno de España aposte de xeito decidido por impulsar a conexión ferroviaria en alta velocidade entre Vigo e a fronteira portuguesa”, sinalou a representante autonómica. Ademais, destacou a súa importancia para a actividade do Porto de Vigo e de forma extensiva para a economía e a industria da cidade.

 

Fernández-Tapias lembrou que xa hai varios meses que o ministro de Infraestruturas de Portugal mostrábase alarmado pola falta de avances de España no saída sur de Vigo. “Esperamos que o Gobierno valore a aposta que está a facer o Executivo luso e no próximo Cumio Ibérico do mes de outubro amose un compromiso similar con esta infraestrutura clave para as relacións e competitividade dos dous territorios”, engadiu.

 

“O mesmo compromiso”

A delegada tamén demandou que desde Madrid se impulse o AVE Vigo-Porto aproveitando a oportunidade única que supoñen os fondos europeos, xa que esta conexión permitiría reducir o tempo de viaxe entre Vigo e Porto das 2,20 horas actuais a menos dunha hora. “Necesitamos o mesmo compromiso que Portugal, porque é imprescindible que se concrete un calendario para a saída sur, que supón prolongar o Eixo Atlántico que vai desde A Coruña a Vigo para levalo ata O Porriño e conectar coa liña que vai a Portugal”, apuntou.

 

Ademais, lembrou que tamén agarda os resultados das “supostas xestións” anunciadas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, ante o Executivo de Pedro Sánchez. “Ata o momento, se é que existiron, foron totalmente inútiles e estamos ante a historia mil veces repetida, ocorre con todas as solicitudes que demanda a cidade e a súa industria, dá igual que sexa o Perte de Stellantis, a Alta Tensión ou a sede do IEO. Madrid non escoita nunca nin fai caso ao alcalde de Vigo, por desgraza para a cidade”, concluíu.