A Xunta inicia as obras da 1ª fase de mellora da LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane, no concello de Folgoso do Courel, que suporán un investimento de 3,4 M€

A intervención comezou polos traballos de protección ambiental e patrimonial previos, de roza, despexes e retirada de terra vexetal, así como pola implantación das instalacións auxiliares, topografía, sinalizacións e balizamentos

Actuarase nun treito de 3,5 km da LU-651, ampliándose a estrada para dotala de 2 carrís de 3 metros e beiravías de 50 cm e executando cunetas de seguridade transitables

Rectificaranse varias curvas e ampliaranse 2 pontóns, a través de taboleiros de vigas e laxas voadas para minimizar afeccións

Tamén se habilitará un aparcadoiro para autobuses en Seoane, ao carón da parcela onde está Protección Civil, e se renovará a marquesiña na Ferrería Vella

A Xunta, de xeito acordado co Concello, aprazou o inicio dos traballos ata que estivo executado e en servizo o acceso provisional tras o afundimento dun treito da LU-651

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane, no concello de Folgoso do Courel, que suporán un investimento de 3,4 millón de euros.

Os traballos contan un prazo de execución de 12 meses e céntranse na renovación e mellora deste treito de 3,5 km da LU-651, nunha zona cun elevado valor ambiental, pois forma parte da Rede Natura, con bosques autóctonos cun atractivo paisaxístico sen igual. Por iso, as obras executaranse co máximo respecto ambiental, de acordo co deseño realizado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, no que se conxuga a mellora da funcionalidade e da seguridade da vía cos valores ambientais da zona.

A intervención deu comezo, precisamente, polos traballos previos de protección ambiental e patrimonial, ademais de roza, despexes e retirada de terra vexetal, así como a implantación das instalacións auxiliares, topografía, sinalizacións e balizamentos.

A partir da próxima semana, prevese acometer progresivamente as actividades de desmonte e aterraplenado necesarias para implantar a plataforma prevista.

De xeito simultáneo, desenvolveranse os traballos de mellora da drenaxe e de implantación dos muros de sostemento previstos, tanto na plataforma da estrada como para a formación do aparcadoiro de autobuses de Seoane.

Cómpre lembrar que a Xunta, de xeito acordado co Concello de Folgoso, decidiu aprazar o inicio destes traballos ata que estivo executado e posto en servizo o acceso provisional, tras o afundimento rexistrado en marzo nun treito da estrada LU-651, para tratar de minimizar no posible as afeccións aos veciños por estas obras. 

O detalle das obras

O desenvolvemento destas obras permitirán o ensanchamento da estrada para dotala de 2 carrís de 3 metros e beiravías de 50 cm. Tamén se executarán cunetas de seguridade transitables, de 90 cm de ancho, que mellorarán a seguridade.

A intervención inclúe a rectificación de varias curvas, alí onde a orografía o permita, tendo en conta que a traza da estrada está marcada pola presenza do río Lor no fondo do val, con pendentes moi elevadas, do 10% e radios reducidos.

Ademais será preciso ampliar 2 pontóns existentes neste treito, que se fará a través de taboleiros de vigas e laxas voadas para minimizar a afección.

As obras recollen a mellora da drenaxe da propia plataforma e a drenaxe lonxitudinal e transversal; a construción de 2 muros de sostemento de terras; e a renovación dos sistemas de contención dos vehículos, ademais da mellora do firme da estrada en todo este treito de 3,5 km, xunto coa renovación da sinalización.

Tamén se habilitará un aparcadoiro para autobuses en Seoane, ao carón da parcela onde están actualmente os servizos de Protección Civil, co fin de facilitar a chegada de turistas e visitantes.

No lugar de Ferrería Vella renovarase a marquesiña á saída do núcleo e pavimentarase a travesía.

Imaxes relacionadas