A Xunta impulsa o III encontro "...E para comer, Lugo", que organiza a APEHL ao abeiro do programa O teu Xacobeo

Inclúe catas en cinco localidades da provincia e unha xornada sobre a cultura gastronómica dos Camiños de Santiago o 24 de outubro en Lugo

Lugo, 18 de outubrode 2022

A Xunta de Galicia impulsa a terceira edición do encontro “... E para comer, Lugo no Camiño”, ao que achega 15.000 euros ao abeiro do programa O teu Xacobeo.

A iniciativa, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL), foi presentada hoxe na Delegación Territorial, con asistencia do delegado, Javier Arias; o presidenteda entidade organizadora, Cheché Real, e algúns dos cociñeiros e participantes invitados ao evento.


O encontro, centrado na cultura gastronómica dos Camiños de Santiago, celebrarase o día 24 de outubro no Museo Interactivo da Historia de Lugo e inclúe demostracións e degustacións de cociña elaborada polos cociñeiros Diego López, do restaurante Bulló Xantar; Nardo Eiroa, do restaurante Canedo; Alejandro Méndez, de Os Cachivaches, e Pablo Vila, da cadea Oca Hoteles. Utilizarán produtos de proximidade e alimentos co distintivo de Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida.


Tamén terán cabida unha demostración do barista José Manuel Portela, responsable de formación de Cafés Candelas, e un obradoiro para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos. O programa completo e as inscricións están accesibles na web da APEHL.


Igualmente, presentarase un vídeo promocional sobre a catro rutas oficiais que atravesan a provincia de Lugo, poñendo de relevo os seus recursos naturais, arquitectónicos e históricos, e resaltando os produtos gastronómicos ligados a cada zona.


Calendario de catas

Como complemento á xornada comezan hoxe mesmo unha serie de catas guiadas por persoal do Instituto Galego do Viño que percorrerán cinco localidades da provincia. A cita desta tarde, a partir das 17.00 horas, será no Hotel A Veiga de Samos. Mañá 19 celebrarase no establecemento LaVieja Taberna da Pobra de Brollón; o xoves no Berso, en Sober; o 25 de outubro no Asador del Alba, en Barreiros; e o 26 na Parada das Bestas, en Palas de Rei.


Arias destacou “o volume de actividades e a pluralidade de enfoques aos que dá lugar o proxecto O teu Xacobeo, posto en marcha polo Goberno galego para implicar á cidadanía con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago”.

Imaxes relacionadas