O presidente da Xunta reuniuse coa embaixadora dos Estados Unidos de América en España, Julissa Reynoso

Rueda comprometeuse coa embaixadora dos Estados Unidos a reforzar a cooperación institucional para estreitar os lazos históricos de Galicia con Norteamérica

Avanzoulle o interese de Galicia por intensificar as relacións comerciais tendo en conta que os Estados Unidos son un mercado preferente para máis de mil empresas galegas

Agradeceulle a predisposición da cidadanía americana por viaxar a Galicia, sobre todo neste Xacobeo no que os peregrinos procedentes dos Estados Unidos ocuparon o segundo lugar no ránking internacional, só por detrás de Italia
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeuse coa embaixadora dos Estados Unidos de América en España, Julissa Reynoso, a reforzar a cooperación institucional para estreitar os lazos históricos de Galicia con Norteamérica. 

O titular do Goberno galego e a responsable do departamento diplomático dos Estados Unidos mantiveron un encontro en San Caetano no que Alfonso Rueda fixo fincapé nos acordos estratéxicos entre España e Norteamérica para recordar que esas alianzas son máis necesarias que nunca ante un panorama internacional cheo de incertezas. Con todo, o presidente da Xunta recordou que as relacións entre os cidadáns americanos e os galegos van máis alá da seguridade e que se basean nuns lazos históricos e culturais que Galicia quere reforzar. 

A historia común e unhas relacións favorecidas polos fluxos marítimos incrementaron nas últimas décadas as relacións comerciais entre Galicia e América do Norte ata o punto de que, hoxe en día, hai máis dun milleiro de empresas galegas que exportan a os Estados Unidos; país do que, por outra banda, proceden tamén combustibles e outros produtos que importa Galicia.

 Eses lazos comúns propiciaron tamén un incremento do mercado turístico nos últimos anos. De feito, os peregrinos procedentes dos Estados Unidos neste Xacobeo  representan o segundo lugar no ránking internacional, só por detrás de Italia. Alfonso Rueda agradeceulle a Julissa Reynoso a predisposición da cidadanía americana por viaxar a Galicia “nun ano tan especial no que o Camiño de Santiago está a bater cifras históricas”. 

O presidente do Goberno galego e a embaixadora norteamericana coincidiron tamén na conveniencia de seguir reforzando os encontros culturais e académicos, co reforzo de programas de intercambios ou a celebración, no vindeiro mes de novembro, do Galician Cinema & Food Festival, un evento musical e gastronómico que se vai celebrar en Miami. 

Na reunión estivo presente tamén o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; e xunto coa embaixadora dos Estados Unidos participaron Jon Edmund, conselleiro delegado de Asuntos Culturais e Diplomacia Pública e Shannon Brink, oficial de Asuntos Económicos da Embaixada de EE.UU. en España.

Imaxes relacionadas