A Xunta inclúe uns investimentos iniciais por 88,1 M€ para o Concello de Pontevedra no proxecto dos Orzamentos autonómicos 2023
O delegado territorial, Luis López, informou das contas para a cidade, que medran un 14% con respecto ás actuacións de 2022, “e cumpren co obxectivo do Goberno galego de adicar 240 M€ en tres anos para completar a modernización de infraestruturas e servizos públicos no municipio”
“A Xunta é a administración que máis inviste, de longo, na cidade, cunha media de 1.060 euros por habitante e ademais as actuacións deseñadas apostan pola sanidade, a seguridade viaria, o saneamento, os servizos sociais, a educación, a vivenda e o deporte”, manifesta
O Hospital Público Gran Montecelo, a residencia de Campolongo, as estradas autonómicas cara Marín e Xeve, o remate do plan de depuración da ría, a rehabilitación do IES Valle Inclán, as obras deportivas e o comezo da restauración do Pazo de Lourizán, principais investimentos
Pontevedra, 20 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia inclúe uns investimentos iniciais de 88.161.250 euros para o Concello de Pontevedra no proxecto de Orzamentos 2023, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Luis López, na presentación das contas para a cidade e as comarcas das Terras de Pontevedra, Caldas e Morrazo Norte nun acto celebrado na estrada autonómica PO-546 en dirección a Marín á altura do Pazo de Lourizán.
“O punto de partida para Pontevedra por parte da Xunta xurde do noso compromiso con esta cidade e está fixado en máis de 88 millóns de euros, unha contía que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico, que estivo acompañado polos xefes territoriais de Presidencia, Sanidade, Política Social, Educación e Patrimonio.
Luis López recalcou que os investimentos autonómicos para o Concello de Pontevedra medrarán o vindeiro ano nun 14%, xa que incrementaranse dos 77,1 millóns de euros das contas en vigor ata superar os 88 millóns nas do vindeiro exercicio. “Estamos a cumprir co obxectivo de adicar, dende o Goberno galego, máis de 240 millóns de euros en tres anos, correspondentes ao período 2022-2024, a completar a modernización de infraestruturas e servizos públicos na capital provincial”, apostillou.
O delegado territorial recalcou que a Xunta “é a institución que máis inviste, de longo, na cidade de Pontevedra, cunha media de 1.060 euros por habitante, o que non resiste comparación ningunha coas demais administracións, e ademais as actuacións deseñadas abranguen todos os ámbitos, apostando pola sanidade, as infraestruturas e a seguridade viaria, o saneamento, malia que se trata dunha competencia municipal, os servizos sociais, a educación, a vivenda e o deporte”.
O delegado territorial salientou que, ademais, das actuacións da Consellería de Infraestruturas, presentadas na xornada de onte pola súa titular, Ethel Vázquez, e centradas no Gran Montecelo, as estradas e o saneamento, tamén se recollen especificamente investimentos para a residencia de Campolongo, a construción de vivendas públicas, a rehabilitación integral do IES Valle Inclán, a mellora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ou o comezo da restauración do Pazo de Lourizán
“Os principais investimentos, por contía ou singularidade, superan claramente os 80 millóns de euros, pero as contas da Xunta tamén contemplan para Pontevedra outras partidas para obras e equipamentos nos xulgados e no edificio administrativo de Benito Corbal, a iluminación de Ponte Sampaio, o remate da estación intermodal ou investimentos en innovación ata alcanzar os citados 88 millóns”, significou o delegado.
Por outra banda, Luis López tamén concretou os investimentos para as comarcas de Pontevedra e Caldas e os municipios de Marín e Bueu, que pertencen á area territorial e se sitúan na mesma marxe da ría de Pontevedra. Para todos eles, incluíndo a cidade, os Orzamentos 2023 contemplan uns investimentos de 105,73 millóns de euros, xa que os municipios da contorna levarán uns 17,5 millóns de euros destacando principalmente os 4,6 millóns en Marín, os 1,5 millóns de Poio , os 1,7 millóns de Bueu, os 1,8 millóns da Lama, os 1,4 millóns de Cerdedo-Cotobade ou os 3,7 millóns de Pontecesures.
Principais investimentos 2023 da Xunta en Pontevedra | |
Hospital Público Gran Montecelo | 63.900.000 |
Equipamento sanitario do CHOP | 9.200.000 |
Modernización da residencia de Campolongo | 4.000.000 |
Mellora do Centro Avelino Montero | 1.000.000 |
Punto de Encontro Familiar | 300.000 |
Construción de Vivendas de Promoción Pública | 1.160.000 |
Mellora da Estrada PO-546 cara Marín | 6.500.000* |
Mellora das Estradas PO-223 e PO-224 en Xeve | 6.500.000* |
Remate da Estación Intermodal | 460.000 |
Variante de Alba | 100.000 |
Iluminación de Ponte Sampaio | 210.000 |
Canalizacións de augas pluviais | 130.000 |
Remate do emisario submarino | 1.440.000 |
Obras no Centro Galego de Tecnificación Deportiva | 1.450.000 |
Plan Enerxía Deporte | 952.000 |
Obras en edificios administrativos | 750.000 |
Melloras no Imelga e os edificios xudiciais | 501.000 |
Investimentos en innovación dos programas Hub e de Fabricación | 305.000 |
Restauración do Pazo de Lourizán | 300.000 |
Rehabilitación integral do IES Valle Inclán | 2.000.000 |
*Esta partida compartida de 6,5 millóns de euros ten, como actuacións nominativas, estas dúas en Pontevedra e outras dúas nos concellos de Poio e Vigo.
Principais investimentos 2023 da Xunta nas comarcas de Pontevedra, Caldas e Morrazo Norte | ||
Marín | Mellora da residencia | 1.000.000 |
Marín | Hurbe: convenio do auditorio | 500.000 |
Marín | Saneamento do río Lameira | 3.130.000 |
Poio | Ampliación da Lonxa de Campelo | 359.000 |
Poio | Mellora do acceso ao peirao de Raxó | 639.000 |
Poio | Senda peonil na estrada PO-308 en Combarro | 6.500.000* |
Bueu | Senda peonil na estrada PO-315 en Beluso | 2.700.000** |
Bueu | Conservación do Museo Massó | 996.000 |
Barro | Redacción do proxecto do centro de saúde | 200.000 |
Ponte Caldelas | Mellora na Central de Transportes | 229.000 |
A Lama | Planta de Transferencia de Sogama | 866.000 |
A Lama/Cerdedo-Cotobade | Mellora das Estradas PO-230, PO-234 e PO-235 | 2.000.000 |
Cerdedo-Cotobade | Senda da Travesía de Tenorio | 300.000 |
Campo Lameiro | Saneamento de Reboredo | 200.000 |
Vilaboa | Depuración en San Simón | 470.000 |
Caldas de Reis | Redacción do proxecto do IES Aquis Celenis | 200.000 |
Caldas de Reis | Saneamento de Paradela e Reguengo | 400.000 |
Caldas/Cuntis/Moraña | Convenio do encoro da Baxe | 410.000 |
Caldas/Moraña/Valga | Obradoiros de emprego | 655.000 |
Pontecesures | Parque empresarial | 2.960.000 |
Pontecesures | Obras deportivas | 714.000 |
*Esta partida compartida de 6,5 millóns de euros ten, como actuacións nominativas, esta no Concello de Poio e outras tres nos municipios de Pontevedra e Vigo.
**Esta partida compartida de 2,7 millóns de euros ten, como actuacións nominativas, esta no Concello de Bueu e outras tres nos municipios de Arbo, Salvaterra e Cangas do Morrazo.