Miranda participa na xuntanza de entidades galegas do Brasil que organiza a Casa de España de Río de Xaneiro

O secretario xeral da Emigración destacou a colaboración anual con esta entidade, que en 2022 superou os 40.000 euros, e que ten como finalidade apoiar o funcionamento do seu centro social e manter a súa oficina de atención social

Rio de Xaneiro (Brasil), 23 de outubro de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou onte na xuntanza de entidades galegas de Brasil organizada pola Casa de España de Río de Xaneiro, acto no que estivo acompañado polo presidente desta asociación, Juan Rafael Ramos Fernández, así como polo cónsul xeral de España, Ángel Vázquez Díaz de Tuesta e a cónsul honoraria de España en Curitiba, Blanca Hernando Blanco.

 

Durante este encontro coa colectividade galega e española de Brasil, levouse a cabo unha másterclass sobre gaita e música galega a cargo do artista Óscar Ibáñez, quen tamén ofertou un concerto aos asistentes. Na xuntanza participaron membros da Asociación Cultural Hispano-Gallega Caballeros de Santiago, da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, do Club Español de Niteroi, do Centro Español y Repatriación de Santos, do Grëmio Espanhol de Socorros Mutuos e Instruçao, da Peña Galega da Casa de España, da Asociación Recreo dos Anciáns e da Casa de Galicia do Centro Espanhol do Paraná.

 

A Casa de España de Río de Xaneiro conta con máis de 1.000 socios e ten como finalidade servir de vínculo entre os membros da comunidade galega co obxectivo de manter o recordo da cultura e lingua galega, contando con preto de mil afiliados con orixe en Galicia.  Tal e como destacou o secretario xeral da Emigración, a Xunta de Galicia colabora anualmente con esta entidade de cara a apoiar o funcionamento do seu centro de día como para manter a súa oficina de atención. En 2022 esta colaboración económica superou os 40.000 euros.

 

Esta entidade sen ánimo de lucro desenvolve así un importante labor socio asistencial orientado a facer efectiva a mellora da calidade de vida das persoas anciás pertencentes á colectividade galega a través do mantemento dun centro social de maiores mediante o que executa actividades de rehabilitación e estimulación mental e física, atendido por persoal especializado, do que se benefician máis dun centenar de persoas de orixe galega. Ademais tamén conta cunha oficina de atención social á comunidade galega onde se axuda a tramitar as solicitudes das persoas interesadas en participar nas convocatorias dos programas e actividades que executa a Secretaría Xeral da Emigración.

Imaxes relacionadas