Miranda visita a Asociación Recreo dos Anciáns de Río de Xaneiro destacando a colaboración da Xunta na súa labor de atención aos galegos con maior necesidade

O secretario xeral da Emigración visitou a entidade galega brasileira destacando a colaboración anual con esta entidade, que en 2022 ascendeu a máis de 37.000 euros

Río de Xaneiro (Brasil), 24 de outubro de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou as instalacións da residencia Santiago Apóstol da  Asociación Recreo dos Anciáns en Río de Xaneiro e onde, dende 1940, estase a prestar asistencia, proporcionar casa, alimentación e atención médica a persoas maiores sen amparo familiar. Miranda destacou que a Xunta de Galicia aportou en 2022 máis de 37.000 euros para esta labor esencial a través dunha colaboración anual que permite continuar con este traballo de atención social aos galegos residentes nesta cidade de Brasil.

Durante esta visita, Rodríguez Miranda gabou esta labor e destacou que a Asociación Recreo dos Anciáns non só acolle e atende nesta residencia a estas persoas senón que tamén realiza con eles actividades de carácter lúdico para manter activo o recordo da súa orixe galega, atendendo a un total de 170 usuarios.

 

A Asociación Recreo dos Anciáns para Asilo da Velhice Desamparada de Rio de Xaneiro é unha entidade benéfica, sen ánimo de lucro, que ten como finalidade acoller temporal ou permanentemente á anciáns de xeito gratuíto, dando prioridade aos galegos e españois necesitados, é unha das mellor dotadas e máis completas da cidade brasileira, que presta coidados ás cidadás e aos cidadáns galegos sen recursos que residen no país suramericano.

 

Dita entidade é un dos referentes fundamentais na atención socio sanitaria e de asistencia ás persoas de idade avanzada en Río de Xaneiro e a súa contorna. Nas súas instalacións, que contan con teatro, capela, biblioteca e unha ampla área de esparexemento e leva a cabo unha asistencia integral aos acollidos mellorando así o aspecto social, emocional e sociolóxico.

Imaxes relacionadas