O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, inaugura o XI Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal

Román Rodríguez destaca a formación profesional como “garantía de empregabilidade e de futuro” para os estudantes que a Xunta apoia con máis fondos

Comprométese a seguir impulsando o sistema educativo galego como exemplo de calidade e prestixio, para o cal a Consellería conta con 2.895M€ nos Orzamentos de 2023, o máis alto da historia cun crecemento do 5%


Anima aos mozos a achegarse aos stands dos centros integrados de FP e dos institutos para coñecer de primeira man a ampla oferta de ensino
 

Pontevedra, 26 de outubro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participou esta mañá na inauguración do XI Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal, onde salientou a calidade do sistema educativo galego e se comprometeu a seguir impulsando accións para blindar o seu prestixio, como xa se reflicte nos Orzamentos 2023 da Xunta de Galicia, cunha contía de 2.895M€, o máis alto da historia cun crecemento do 5,2%.

 

O titular de Educación do Goberno galego referiuse, en concreto, ás ensinanzas de Formación Profesional como “garantía de empregabilidade e de futuro” para os estudantes, aos que animou a achegarse aos stands dos nove centros educativos presentes na feira para coñecer “unha mostra moi diversa e representativa da nosa oferta de FP”. Precisamente, o orzamento para este apartado é o que máis medra nas contas da Xunta para o vindeiro exercicio, cunha suba do 52%.

 

Román Rodríguez salientou sentirse “especialmente orgulloso” da evolución da FP como unha vía formativa moi prestixiada e demandada, con arredor de 61.000 matriculados neste curso, e que acada taxas de inserción laboral que superan o 92% no caso da modalidade Dual.

 

Estratexia Galega de FP con 900M€

Así pois, a Xunta vai seguir impulsando este modelo a través da Estratexia Galega de Formación Profesional, a folla de ruta dotada con máis de 900M€ ata 2024 para a posta en marcha de accións específicas encamiñadas á mellora da oferta, á modernización da rede de centros e ao reforzo da relación co tecido empresarial, entre outros.

 

En palabras do conselleiro, “a nosa FP é un reflexo do noso sistema educativo, moderno e adecuado á transformación dixital, que ofrece unha formación adaptada á contorna laboral e que, ao tempo, aposta pola inclusión, a igualdade e a equidade”.

 

Finalmente, o conselleiro agradeceu o traballo coordinado entre entidades públicas e privadas para facer posible esta cita xa consolidada como punto de encontro entre alumnos, profesionais do ensino, centros de formación e institucións educativas que ofrece asesoramento e orientación aos estudantes. 

 

Nesta décimo primeira edición, o salón reúne uns 65 stands entre os que figuran seis Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) de Galicia e catro institutos, que permitirán achegar aos estudantes a oferta da FP galega ao longo de tres días desde hoxe ata o venres nos que tamén terán lugar charlas, mesas redondas e obradoiros prácticos en torno á oferta académica.

Imaxes relacionadas