A Xunta porá en servizo desde mañá un treito da nova autovía Nadela-Sarria desde o enlace da Pobra de San Xiao ata o de Sarria centro

A apertura ao tráfico dun treito de 9,7 km da nova autovía de titularidade autonómica Lugo-Sarria producirase a partir das 11 da mañá deste venres
 

Habilítase a circulación dun treito de 9,7 km na calzada dereita en sentido Sarria, entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro; e un tramo de 1,2 km en sentido Lugo
 

Séguese avanzando para rematar os traballos, quedando desde mañá como única afección o desvío do tráfico en sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, para rematar firme, sinalización e acabados
 

A Xunta está a investir 25 M€ nesta actuación e está a avanzar na redacción do proxecto da 2ª fase, que completará o desdobramento ata Lugo

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022 A Xunta porá en servizo desde mañá un treito da nova autovía Nadela-Sarria.

 

A apertura ao tráfico deste tramo da nova autovía de titularidade autonómica entre Lugo e Sarria, producirase este venres, a partir das 11:00 horas da mañá.

 

Máis en concreto, nesta primeira fase, abrirase ao tráfico o treito de 9,70 km da calzada dereita do novo tramo da autovía en sentido Sarria. Isto é, a calzada en sentido crecente para o tráfico que vai dirección a Sarria, desde o punto 13+500, ligazón da Pobra de San Xiao, ata punto 23+200, na ligazón de Sarria centro.

 

Ademais, tamén se abrirá ao tráfico un tramo de 1,2 km da calzada esquerda do novo tramo da autovía en sentido Lugo. Concretamente,  a calzada en sentido decrecente para o tráfico que vai dirección a Lugo, desde o quilómetro 23+200, no enlace de Sarria centro, ao punto quilométrico 22, no enlace de Sarria norte.

 

En paralelo, a Xunta segue a ultimar os traballos da 1ª fase desta autovía. A partir de mañá quedará como única afección o desvío do tráfico en sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, entre os enlaces de Sarria norte e A Pobra de San Xiao.

 

Deste xeito, nesta última fase, os traballos céntranse na capa de rodaxe na calzada de desdobramento, así como os correspondentes á disposición de sinalización horizontal e acabados, co obxectivo de rematar as obras este outono.

 

A Xunta está a destinar un orzamento de 25 M€ nesta intervención que supón a adaptación dos tres enlaces do treito, A Pobra, Sarria norte e Sarria centro, e a ampliación dos seis pasos inferiores; así como a instalación dun valado reforzado para evitar o acceso de fauna salvaxe.

 

Progresando na 2ª fase da autovía

O departamento de Infraestruturas da Xunta, de xeito paralelo, segue progresando na 2ª fase da autovía, tras aadxudicación da redacción do proxecto construtivo que completará o desdobramento da infraestrutura ata Lugo.

 

Esta segunda fase da autovía abrangue 13,5 km, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.

 

Este traballo, adxudicado por case 270.000 €, ponse en marcha para poder dispoñer xa a mediados de 2023 dun proxecto de trazado para someter a información pública.

 
O Goberno galego leva investido máis de 135 millóns de euros na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, rematada no ano 2015, e agora continúa co seu desdobramento.

Imaxes relacionadas