A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á inauguración da exposición destas obras na que se deron a coñecer os gañadores

A Xunta recoñece os mellores traballos en fotografía e artes plásticas do Xuventude Crea 2022

A ourensá Yael de Lorenzo Lamas coa obra ‘Mocidade’ e a proposta escultórica ‘Co-merse o mundo’ do estradense Iago Fernández Díaz foron os vencedores desta edi-ción
 

O certame leva premiados nos últimos trece anos a máis de 4000 mozos e mozas e preto de 3000 obras e proxectos creativos
 

Nesta edición de 2022 participan 350 artistas con 280 obras que volverán a contar con todo o apoio da Administración autonómica
 

Entréganse premios en metálico de entre 3000 e 1000 euros e ofrécese a posibilida-de de que a xuventude expoña e dea a coñecer as súas obras
 

As categorías que se galardoan, ademais de Fotografía e Artes Plásticas, son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, de-seño de xoias, cociña, danza moderna e creación de videoxogos

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada da vicerreitora da USC, Pilar Murias, participou hoxe na inauguración da exposición das obras finalistas das categorías de Artes Plásticas e Fotografía de Xuventude Crea 2022, que tivo lugar na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Alí, déronse a coñecer os nomes dos gañadores en cada unha destas especialidades.

En Fotografía, o primeiro premio foi para Yael de Lorenzo Lamas, de Ourense, autora de ‘Mocidade’; o segundo recaeu no vigués Miguel López Rodríguez pola súa obra ‘Pathei Mathos’ e a instantánea ‘O parto’ de Olaya Rodríguez Pérez, natural de Verín, quedou en terceiro lugar. Ademais, concedéronse dúas mencións de honra a Raquel Diz Rosendo, de Tui, por ‘Con este virus que ni muere ni nos mata’ e ao santiagués Martín Blanco Mouro, pola súa creación ‘Salitre’.

Na especialidade de Artes Plásticas, que inclúe escultura e pintura, todos os galardóns foron para obras do primeiro destes apartados. Iago Fernández Díaz, da Estrada, fíxose co primeiro galardón co obra escultórica titulada ‘Comerse o mundo’; Diego Vidal Miguez, de Boqueixón, obtivo o segundo lugar coa creación ‘Alienación’ e compartiron o terceiro premio Nerea Cordeiro Cerviño, de Bueu, con ‘Inhabitable’; e a ourensá María del Mar Ramón Soriano, con ‘S.T (Una curva, unha ola, un cos)’. O xurado outorgou unha mención de honra á creación ‘Arrastre”, de Sara Camaño Pena, natural de Cangas.

Certame consolidado

A directora xeral sinalou que este programa cumpre trece anos ofrecendo á xuventude vías para manifestar as súas inquedanzas en 14 disciplinas artísticas. Neste tempo, Xuventude Crea leva premiados a máis de 4000 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos e a preto de 3000 obras e proxectos creativos. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Compre destacar, ademais, que todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal

Coma cada ano, este programa serve de escaparate para mostrar as propostas da mocidade galega. De feito, ademais desta exposición temporal das obras finalistas na Igrexa da Universidade, realízase unha exposición itinerante do Xuventude Crea con obras que a mocidade galega regalou a este programa desde o ano 2010. Desde o pasado ano, esta exposición itinerante leva percorridas máis de dez localidades galegas.

Premios en metálico

Este programa leva aparellado tamén un premio económico. No caso do primeiro premio son 3000 euros en metálico, 1500 para o segundo premio e 1000 o terceiro premio. Ademais, contémplase un premio especial de 1000 euros para a modalidade de música clásica dentro da especialidade de música. Ademais, tamén se conceden axudas para as fases finais de determinadas categorías que van desde os 75€ ata os 600€.

As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.

 

Imaxes relacionadas