A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou a execución da nova infraestrutura situada na Casa do Mar

Martina Aneiros supervisa as obras do albergue de peregrinos que estarán concluídas a comezos de ano

Actualmente estanse a concluír os labores de división dos espazos con paneis de pladur e as instalacións eléctricas e de fontanería
 

As obras contan cun investimento de 467.000 euros e permitirán a creación de 60 prazas para o aloxamento dos peregrinos do Camiño Inglés
 

Ferrol, 3 de novembro de 2022 

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou esta mañá unha visita ás obras do albergue de peregrinos que se está a habilitar nunha parte do edificio da Casa do Mar. A representante do Goberno autonómico, acompañada polos responsables da obra, comprobou o bo avance dos traballos iniciados o pasado mes de xullo.

Actualmente estanse a concluír os labores de división dos espazos con paneis de pladur o que deixa intuír a fisionomía que terá o futuro albergue, o primeiro de carácter público do que disporá a cidade. De forma paralela tamén se levan a cabo os traballos de instalacións eléctricas e de fontanería.
 

As obras contan cun investimento de 467.000 euros da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia. Permitirán habilitar de 60 prazas -dúas delas adaptadas- para o aloxamento dos peregrinos do Camiño Inglés. Na planta inferior estará situado o acceso, a sala común e a oficina, e na planta superior, os dormitorios e os aseos.

“Tal e como o anunciou o Presidente da Xunta a semana pasada esperamos que os traballos estean concluídos para comezos do próximo ano e este novo servizo poda estar operativo de cara ao verán de 2023”, lembrou a delegada territorial.
 

Aneiros apuntou á importancia desta nova infraestrutura para a cidade en tanto “Ferrol é un símbolo do Camiño Inglés xa que era por Ferrol por onde chegaban por mar peregrinos do Norte de Europa e das illas británicas, para comezar aquí e rematar en Santiago”, sinalou.

Tamén defendeu a idoneidade da localización deste albergue, “moi próximo ao Porto, quilómetro cero da nosa ruta xacobea”, dixo, e lembrou que se trata dun dos compromisos do Goberno galego incluídos no Pacto de Estado por Ferrol.

O novo albergue sumarase aos 6 cos que conta a rede pública no Camiño Inglés, a cuarta máis transitada por aqueles que se achegan a Santiago a recoller a Compostela e unha das que nos últimos anos máis está a medrar, cun incremento do 25% de peregrinos.

‘O Camiño en familia. Pet Camiño’

Desde a Xunta estase a fomentar a ruta xacobea e o turismo familiar a través da campaña  O Camiño en familia. Pet Camiño, centrada precisamente en potenciar o Camiño Inglés para que sexa unha ruta adaptada as necesidades do turismo familiar ou con mascotas.

“Para iso vanse a ampliar as infraestruturas públicas enfocadas ás familias na ruta, adaptar os establecementos turísticos as súas necesidades e impulsar a  atención veterinaria 24 horas así como habilitar as credenciais tamén para as mascotas”, avanzou a delegada territorial.

Imaxes relacionadas