A directora xeral de Patrimonio Natural participa en representación do Goberno galego no Congreso internacional de bandeira azul que se celebra nas Palmas

A Xunta subliña a importancia da bandeira azul como indicador de calidade turística e propón que se teña en conta no reparto de fondos estatais aos concellos

Belén do Campo salienta o esforzo que fan os municipios para cumprir cos requisitos de seguridade, sostibilidade e educación ambiental esixidos, contribuíndo así a consolidar a posición de Galicia cada ano entre as comunidades con máis galardóns de todo o país

As Palmas de Gran Canaria, 3 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia defendeu durante o Congreso internacional de bandeira azul que se celebra estes días nas Palmas de Gran Canaria a importancia cada vez maior que ten este distintivo como indicador de calidade turística e reclamo para atraer a un maior número de visitantes.

 

Esta foi unha das ideas principais que transmitiu a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a primeira xornada do evento, que reúne en Canarias desde onte a representantes públicos, nacionais e internacionais, e a técnicos e profesionais relacionados coa xestión das praias. Precisamente, durante a súa intervención no debate O valor de Bandeira Azul para os destinos turísticos, Do Campo propuxo que se teñan en conta as bandeiras azuis como criterio de reparto dos fondos estatais de sostibilidade turística entre os concellos, unha suxestión que recibiu o apoio doutros relatores e de representantes autonómicos e municipais.

 

Neste sentido, a directora xeral lembrou o esforzo que fan ano tras ano as administracións locais galegas por manter e lograr novas bandeiras azuis. Así, destacou os requisitos de seguridade, sostibilidade e educación ambiental que se esixen para poder optar a este galardón, un “símbolo de calidade”, engadiu, que contribúe a consolidar a súa imaxe como destino turístico “sostible, seguro e fiable”.

 

Grazas en gran parte a ese traballo realizado a nivel local, salientou que Galicia ocupa a día de hoxe unha posición consolidada entre as comunidades españolas que cada ano reciben máis bandeiras azuis. De feito, en 2022 sumou 112 galardóns para as súas praias —tan só por detrás de Valencia e Andalucía— e por segundo ano consecutivo lidera o ránking autonómico en canto a sendeiros azuis, cun total de 29.

 

Compromiso da Xunta coa iniciativa

Cómpre lembrar que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), responsable en España do programa Bandeira Azul, selecciona cada ano de entre todos os areais candidatos aqueles que cumpren uns estritos criterios consensuados a nivel internacional e relativos á calidade da auga, á información e xestión ambiental da zona, á legalidade, á accesibilidade e á seguridade.

 

Tras lembrar que a Xunta mantén desde hai anos un convenio con ADEAC, Belén do Campo reiterou o compromiso de Galicia e do Executivo autonómico cos obxectivos deste programa, que busca premiar e recoñecer internacionalmente a aposta pola excelencia no mantemento e conservación das praias. Neste sentido, celebrou tamén a oportunidade que supón este primeiro Congreso internacional bandeira azul como un espazo para o intercambio de ideas e experiencias entre os distintos axentes implicados.

 

Pola súa parte, o presidente de ADEAC, José Palacios, fixo unha mención especial á Xunta polo seu apoio ao distintivo bandeira azul ao longo dos últimos anos, subliñando o feito de que o presidente galego sempre asiste aos actos de entrega destas insignias.

 

O congreso continuará hoxe con varios relatorios dedicados a analizar exemplos de boas prácticas en distintos puntos do país así como proxectos a futuro, entre os que destaca o caso do concello de Sanxenxo, o municipio español con máis bandeiras azuis. Mañá celebrarase a terceira e derradeira xornada de traballo, que se reservará neste caso á realización de talleres a pé de praia con diferentes temáticas.

Imaxes relacionadas