A Xunta presenta a oferta turística de Galicia no World Travel Market de Londres

Londres, 7 de novembro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou a oferta turística galega na 43ª edición do World Travel Market London, unha das feiras turísticas máis importantes do mercado turístico internacional, ademais de que o mercado británico é un dos principais mercados emisores da nosa comunidade.

Turismo de Galicia conta na feira cun espazo de 50m2 dentro do stand de Turespaña, con mostradores de información do Xacobeo, os Camiños de Santiago, así como da oferta turística de Galicia. Dispón tamén de  mesas de traballo para encontros comerciais, onde estará representado o Clúster deTurismo de Galicia.

Tanto axencias como operadores turísticos están na procura de destinos atractivos para viaxeiros que buscan lugares non masificados, preferiblemente con conexións aéreas directas e que non se atopen a moitas horas de voo do Reino Unido. Por isto, Galicia segue tendo boas perspectivas para o mercado británico, un dos seus principais mercados emisores.

World Travel Market London é o evento de viaxes internacionais líder no mercado turístico inglés que abre oportunidades comerciais para os profesionais do turismo receptivo e emisor. Trátase dun foro onde os profesionais de viaxes reúnense para conectarse e escoitar como as empresas líderes remodelaron os seus negocios, así como información de datos sobre destinos e produtos de moda.

Este evento permite ás empresas turísticas de todo o mundo mostrar a súa marca e exhibir na feira, xunto cos nomes máis importantes en aloxamento e hospitalidade, destinos e atraccións turísticas de renome, provedores innovadores de tecnoloxía de viaxes e areoliñas. Permítese, así mesmo, que os provedores de viaxes internacionais fagan negocios con compradores de viaxes de clase mundial e mostrar os seus servizos á prensa internacional.

Imaxes relacionadas