A Xunta impulsa tres aparcadoiros disuasorios gratuítos con máis de 200 prazas na periferia de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Ribadumia

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou de que este proxecto, que se somete desde hoxe a información pública, suporá un investimento de case 1,7 M€

Estes espazos de estacionamento pretenden favorecer o emprego do vehículo compartido e reducir a presenza dos vehículos nos centros das vilas e cidades, reducindo as emisións e favorecendo a calidade de vida

Os aparcadoiros crearanse na contorna da VG-4.3 na zona de Coruxo, en Vilagarcía; nas inmediacións da AG-41 en Barrantes, no Concello de Ribadumia; e na estrada autonómica PO-305 preto de Saiar, no municipio de Caldas de Reis

Caldas de Reis, 8 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, impulsa a creación de tres aparcadoiros disuasorios, cuxo emprego será gratuíto, con máis de 200 prazas nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Ribadumia e cun investimento conxunto de case 1,7 M€.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou a actuación esta mañá nunha visita a Saiar, no municipio caldense, no espazo no que se vai crear un destes grandes estacionamentos. Alí explicou que hoxe mesmo se avanza na tramitación administrativa deste proxecto, co seu sometemento a información pública, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia deste martes.

“Malia que o Goberno de España está a actuar de xeito unilateral, creando bastante confusión e inseguridade xurídica nos concellos coas próximas restricións de acceso de vehículos ás zonas de baixas emisións das cidades e dos municipios con certos índices de contaminación, desde a Xunta estamos comprometidos coas accións contra o cambio climático, na defensa do medio ambiente e pola mobilidade sostible e sempre cumprimos, nos adiantamos e buscamos darlle solucións aos cidadáns, moitos dos cales terán problemas ou simplemente non poderán entrar nos centros urbanos”, manifestou o representante autonómico.

Remarcou que este proxecto suporá un investimento de case 1,7 millóns de euros e permitirá crear 208 prazas de aparcamento gratuítas e ao aire libre na periferia destas vilas e en zonas anexas aos grandes eixos de comunicación.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai destinar preto de 100.000 euros para expropiar as seis parcelas necesarias, que superan os 8.000 metros cadrados, e agarda que a creación destes espazos, que beneficiarán de xeito directo aos 52.490 habitantes destes tres municipios, poida comezar o vindeiro ano para ser unha realidade xa en 2024, xa que o prazo de execución estimado é de 12 meses.

Máis en detalle, o aparcadoiro de Vilagarcía suporá un investimento de 509.000 euros, situarase no lugar de Coruxo, nas inmediacións da glorieta da VG-4.3 e da N-640, e disporá de 59 prazas en 1.950 metros cadrados e dous puntos de recarga para vehículos eléctricos.

No caso de Ribadumia, o estacionamento disuasorio situarase en Barrantes, na contorna da rotonda entre a AG-41 e a VG-4.2, e distribuirase nunha superficie de 2.815 metros cadrados con 77 espazos e tres puntos de recarga eléctrica. O investimento estimado é de 431.000 euros.

Finalmente, no municipio de Caldas de Reis o aparcadoiro disuasorio situarase en Saiar, entre as estradas N-640 e PO-305 preto do acceso 110 á autoestrada AP-9. O seu investimento alcanzará os 524.000 euros. A súa superficie será de 2.100 metros cadrados que permitirán albergar 72 prazas e tres puntos de recarga.

As prazas de aparcamento terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, aínda que nalgún caso poderían variar por cuestións de espazo. Os carrís de circulación interiores nestes tres aparcadoiros oscilarán entre os 3 e os 4,2 metros de anchura.

Cómpre lembrar que esta actuación está financiada pola Unión Europea (UE) no marco dos Fondos Next Generation EU.

Imaxes relacionadas