O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria fixo entrega da licenza de uso da marca e das cartas de artesáns aos responsables destas entidades

As empresas Chocolates Moreno e Augas Santas súmanse ao selo de calidade de Artesanía Alimentaria da Xunta


Este distintivo de calidade diferenciada garante que as producións contan cunha elaboración tradicional e unha presentación coidada, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet

No caso de Chocolates Moreno, empregan materias primas seleccionadas, naturais, sen aditivos nin conservantes para elaborar tanto o seu chocolate coma o resto dos seus produtos

A cervexeira Augas Santas, pola súa parte, ten o compromiso de elaborar unha cervexa de calidade, ao tempo causa un impacto positivo no entorno
 

Ribadeo (Lugo), 8 de novembro de 2022 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, confirmou hoxe a adhesión da empresa Chocolates Moreno ao selo de calidade Artesanía Alimentaria, ao facerlle entrega aos seus responsables das licenzas de uso da marca e das cartas de artesáns. Tamén fará entrega das mesmas aos responsables da empresa cervexeira Augas Santas, na súa posterior visita esta mesma tarde ás instalacións da empresa en Foz.

Deste xeito, xa son máis dunha trintena de empresas e arredor de 50 persoas artesás que conforman este selo de calidade, promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

Na súa intervención, o director destacou que, con este distintivo, os produtos poderán diferenciarse no mercado, pois este selo garante que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.

Ademais, lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral. Tamén fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.

Chocolates Moreno leva máis de 130 anos en funcionamento sen perder a esencia coa que naceu, que foi a de facer un chocolate de calidade e 100% artesanal. A cervexeira Augas Santas, pola súa parte, aínda que ten un menor percorrido, ten o compromiso de elaborar unha cervexa de calidade, ao tempo causa un impacto positivo no entorno, mantendo todos os niveis de seguridade ambiental e fomentando a reciclaxe dos grans de malta empregándoos como alimento para o gando veciño.

 

Imaxes relacionadas