A Xunta pon en valor a importancia dos paquetes turísticos desenvoltos nas zonas afectadas polos incendios forestais en Lugo e Ourense

Turismo de Galicia colaborou con máis de 90.000 € con esta iniciativa que están levando a cabo 28 axencias galegas con 45 paquetes turísticos

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022 A Xunta pon en valor os resultados da iniciativa levada a cabo, a través do convenio de colaboración firmado coa Asociación galega de axencias de viaxes, para a creación de 45 produtos turísticos, co obxectivo de reactivar as zonas afectadas polos incendios forestais nas provincias de Lugo e Ourense.

 

A iniciativa estase levando a cabo grazas á oferta turística de 28 axencias galegas como son Viajes Fontao, Yo no viajo solo, Arribeirados, Viajes Embajador, Rutea, Simply Galicia, Viajes Tambre, Ruteart Viajes, Circuitos Galicia, Viajes Cuzco, Viajes Carrefour A Coruña, Siente Galicia, Buy Deal, Buscando el Norte, Viajes Fisterra, Pontetur, Galitur, Vientoaparente, Viajes Vefa, Viajes Paco, Galicia Tesoro Secreto, Nautalia Viajes, Tee Travel, B de viaje, Viajes El Camino, Experiencias del destino, CN Travel y Volta Montana.

 

Entre as actividades propostas, atópanse produtos que están sendo altamente demandados na actualidade, orientados a espazos naturais como turismo ornitolóxico, turismo activo, turismo de aventura; e outros orientados a poñer en valor o patrimonio material e inmaterial da nosa comunidade. Así mesmo, cabe destacar os paquetes turísticos centrados na gastronomía; orientados a un atractivo específico, como o destino Starlight; así como os paquetes para promocionar o Camiño de Inverno.

 

Esta iniciativa naceu coa finalidade da creación de paquetes orientados a promocionar turísticamente os concellos da comarca do Courel e da comarca de Valdeorras. Para levala a cabo, a Axencia de Turismo destinou máis de 90.000€ coa finalidade de contribuír a mellora do posicionamento turístico.

Imaxes relacionadas