A Xunta convoca as probas para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada para o vindeiro ano

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizará un total de 8 convocatorias de exames de distintas categorías, aproximadamente unha cada dous meses

Os exames permitiranlle aos interesados acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E)

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, establece esta nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais

Este certificado reforza as garantías de seguridade e transparencia e incrementa a profesionalización e a competitividade no sector do transporte

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada.

 

A Xunta realizará ao longo do ano 2023 un total de 8 convocatorias de exames para as distintas categorías de vehículos: autobús (D), remolque (E) ou camión (C), aproximadamente unha cada dous meses.

 

No seguinte enlace pode consultarse o calendario previsto para a realización das citadas probas, así como os prazos de inscrición:  http://xurl.es/15qek -

 

A data e hora concretas dos exames publicaranse na web da Dirección Xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de 10 días hábiles á celebración do primeiro exercicio.

 

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, establece esta nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

 

O certificado obtido nestas probas acreditará que o condutor superou os cursos e os exames esixidos e será expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada.

 

Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.