Máis de 40 expertos de primeiro nivel debaten dende hoxe en Santiago sobre ciberseguridade

O Encontro de Ciberseguridade de Galicia, que foi inaugurado en Santiago, dedica a súa primeira xornada á seguridade nas administracións públicas e nas empresas

O evento, promovido pola Xunta, está organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade (Ciber.gal) en colaboración co Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia

A Xunta pon en valor o modelo de colaboración público-privada que permitiu afrontar o aumento da ciberdelincuencia durante a pandemia ou as ameazas relacionadas coa guerra en Ucraína

O encontro remata mañá, cunha xornada dedicada á concienciación da cidadanía e a final do concurso “Ciberseguridade no Cole”, no que participaron máis de 4.000 escolares

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

Máis de 40 expertos, entre os que se atopan algúns dos principais especialistas en seguridade da información de España, participan dende hoxe, en Santiago, na segunda edición do Encontro de Ciberseguridade de Galicia. O evento, que pode ser seguido de modo presencial ou en liña, ten rexistradas cerca de 1.800 inscricións.

 

O encontro foi inaugurado esta mañá nun acto que contou coa participación do director de Infraestruturas e Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Adrián Lence; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela; a secretaria xeral do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), Carla Redondo; e o subdirector xeral do Centro Criptolóxico Nacional (CCN), Luis Jiménez.

 

Na súa intervención, Adrián Lence indicou que “en ciberseguridade non hai un minuto que perder e é imprescindible a colaboración e o intercambio de información en tempo real”. Neste sentido, puxo en valor o modelo de colaboración polo que apostou a Xunta de Galicia, e que permitiu afrontar dunha maneira máis eficaz as situacións provocadas polo aumento no uso das tecnoloxías durante a pandemia e as ameazas das novas “guerras híbridas”.

 

Neste sentido, o nodo Ciber.gal, que organiza o encontro, é o primeiro escenario de colaboración público-privada dunha comunidade autónoma española. Foi creado en 2020 e, na actualidade, está integrado por máis de 45 entidades e empresas.

 

A primeira xornada do encontro está dedicada á seguridade da información nas Administracións Públicas e nas empresas. A Xunta presentou as principais iniciativas en marcha sobre seguridade informática, entre as que se atopa a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade, que estará en Ourense; ou o acordo marco que permite a administracións e entidades públicas contratar servizos de seguridade. Os asistentes tamén puideron coñecer outros modelos, como o que leva a cabo a Comunidade Valenciana. A sesión da mañá rematou coa intervención de Ramsés Gallego, director internacional de tecnoloxía de CyberRes, considerado un dos maiores expertos españois na materia, que introduciu o concepto de “ciber-resiliencia”.

 

A tarde está dedicada á ciberseguridade nas empresas, coa participación de expertos de Abanca, Finsa, Kusilas, Edigal, ISMs Forum ou Telefónica; así como especialistas dos Corpos de Seguridade do Estado.

 

O encontro será clausurado mañá polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. A xornada de clausura estará dedicada á concienciación da cidadanía e acollera a final do concurso “Ciberseguridade no cole”, no que participaron máis de 4.000 escolares de Galicia.

Imaxes relacionadas