O conselleiro do Medio Rural respondeu esta tarde no Parlamento a dúas preguntas relacionadas coa actividade do seu departamento

A Xunta continúa defendendo ao sector da carne de calidade pola vía da demanda de prezos axeitados para os seus produtos

José González insistiu en que os prezos deben cubrir os custos de produción e deixar unha marxe de beneficio para os gandeiros

Deixou claro que a Xunta foi a primeira en botarlle unha man a este eido produtivo, cando por mor dunha pandemia mundial se mobilizaron axudas ao vacún de carne por un importe total de 7 millóns de euros, beneficiando a máis de 4.600 explotacións

Salientou que se está traballando no desenvolvemento da Estratexia de dinamización do sector da carne, unha folla de ruta que perfilará os eixos estratéxicos e accións que deben implementarse deica 2030 e que será presentada proximamente

Reiterou que a Xunta leva tempo traballando nunha xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e, en particular, na zona da Limia, onde se investirán preto de 39 millóns de euros para lograr un efectivo aproveitamento dos recursos
 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, salientou esta tarde no Parlamento que o Goberno galego continúa defendendo ao sector da carne de calidade pola vía da demanda de prezos axeitados para os seus produtos, é dicir, uns prezos que cubran os custos de produción e deixen unha marxe de beneficio para os seus gandeiros. 

Respondendo unha pregunta oral sobre este sector, o conselleiro deixou claro que a Xunta foi a primeira en botarlle unha man a este eido produtivo, cando por mor dunha pandemia mundial se reorientaron parte dos fondos do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 para habilitar mecanismos de auxilio a sectores prexudicados como o da carne. Así, lembrou que o seu departamento mobilizou axudas ao vacún de carne por un importe total de 7 millóns de euros, beneficiando a máis de 4.600 explotacións galegas.

Seguidamente, coa invasión rusa a Ucraína, e dadas as consecuencias económicas resultantes da suba de insumos, o Goberno central publicaba un primeiro borrador de axudas cunha distribución de fondos excepcionais enteiramente excluínte ao respecto do sector da carne. De feito, matizou o conselleiro, un dos principais reclamos por parte da Xunta foi aumentar esa contía unitaria máxima por vaca nutriz, unha alegación que se atopa en instancias europeas. Porén, cómpre sinalar que a día de hoxe, preto de 12.000 gandeiros galegos xa recibiron no mes de outubro máis de 11,5 millóns de euros destas axudas, xestionadas pola Xunta, para compensar así as súas dificultades económicas. 

Neste senso, José González sinalou que, ante este panorama inxusto para un dos sectores máis estratéxicos da nosa comunidade, o Goberno galego optou por unha liña de axudas directas de 17 millóns de euros, que a Xunta puxo a disposición dos gandeiros en xullo a través de anticipos bancarios a custo cero. Unha nova inxección de liquidez, remarcou, que permitiu aumentar nun 46% os apoios do Estado destinados ao vacún de carne, dándolle así a importancia que verdadeiramente ten este sector, onde o 26% das explotacións de vacún de carne de España se atopan en Galicia.  

A maiores, o conselleiro puxo en valor o protocolo de entendemento histórico asinado en marzo entre todos os elos da cadea de valor para frear a venda a perdas xeneralizado. Un acordo ao que se sumaba unha liña de financiamento de circulante para explotacións de bovino habilitada pola Xunta, dotada con 5 millóns de euros para acadar os 25 millóns en préstamos concedidos. E, destacou o conselleiro, a todas estas medidas tamén se une o adianto de 200 millóns de euros convocados en anticipos das axudas da Política Agraria Común. 

Polo tanto, subliñou José González, o apoio da Xunta a prol do sector da carne queda máis que demostrado polo feito ata o de agora e polas accións que se seguen a desenvolver. Así, reiterou que se está traballando sen descanso na posta en marcha da Estratexia de dinamización do sector da carne, unha folla de ruta que perfilará os eixos estratéxicos e accións que deben implementarse deica 2030 e que será presentada proximamente.   

Ademais, seguiu o conselleiro, está na rúa unha campaña de promoción en colaboración coa IXP Ternera Gallega para promocionar a nivel nacional o selo Ternera Gallega Suprema. Nesta liña, lembrou que o eido da promoción terá un investimento de 5,4 millóns de euros o vindeiro ano para poñer en valor todas as producións de calidade galegas.  

Nitratos

Noutra orde de cousas, o conselleiro respondeu unha pregunta sobre a contaminación das augas por nitratos na comarca da Limia. Así, deixou claro que Galicia non puido declarar zonas vulnerables por este tipo de contaminación nesta zona porque para iso tiña que haber unha declaración previa de masas de augas contaminadas por nitratos, unha declaración que debía facer o organismo de conca correspondente e que, no caso da Limia, lle correspondía ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

 A pesares diso, José González reiterou que a Xunta leva tempo traballando nunha xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e, en particular, na zona da Limia. Nesta liña, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha a Mesa da Limia, entidade na que se atopan representados os axentes públicos e privados da bisbarra, e se impulsou o Plan estratéxico da Limia.
 
 Porén, sinalou o conselleiro, para acadar unha xestión sustentable tamén é preciso afrontar importantes inversións. Así, entre a Xunta e o Goberno central vanse investir 39 millóns de euros na potenciación do sector agrario desta bisbarra ourensá, conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte da Administración galega, para lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros. 

Deste montante, explicou o titular de Medio Rural, recibiranse do Goberno central preto de 16 millóns de euros que irán destinados á modernización do regadío da Limia e outros 16 millóns de euros para a limpeza das canles, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá. 

Por parte da Xunta, a Consellería leva investido catro millóns de euros na perforación de 40 novos pozos, unha cantidade que se verá incrementada en dous millóns de euros máis para o seu bombeo e electrificación.  

A este orzamento, súmaselle outro millón de euros de fondos propios da Consellería para a reparación de camiños desta bisbarra -en colaboración coa Deputación de Ourense-. Neste senso, entre os anos 2021 e 2023 vaise actuar en máis de 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes a 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.