A Xunta inicia as obras para o reforzo da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade na estrada OU-536 ao seu paso por Esgos

A actuación supón un investimento de preto de 50.000 € e permitirá dotar o treito comprendido entre os puntos quilométricos 17+090 e 17+200 dun paso peonil regulado con semáforos e beirarrúas en ambas as marxes da vía

O paso peonil terá iluminación e facilitará cruzar a estrada con seguridade, creando un itinerario seguro desde o núcleo urbano ata o viario que vai ao cemiterio e ao tanatorio

A Xunta segue mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica OU-536, no concello de Esgos.

 

Os traballos, que suporán un investimento autonómico próximo aos 50.000 euros, permitirán reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade do treito comprendido entre o punto quilométrico 17+090 e o 17+200 desta estrada, mediante a disposición dun paso peonil regulado con semáforos no punto 17+105, con beirarrúas en ambas as marxes e o reaxuste no deseño da intersección contigua.

 

O novo paso peonil permitirá cruzar a estrada con seguridade, creando un itinerario seguro e accesible desde o núcleo urbano ata o viario que conecta co cemiterio e co tanatorio da localidade.

 

As obras

Neste treito, a estrada ten una plataforma de 7 metros, con dous carrís, banda de aparcadoiro duns 2,20 metros de ancho xunto a unha beirarrúa na marxe esquerda, e un carril de deceleración duns 4,50 metros de ancho cara á intersección situada na marxe dereita da estrada, pola que se accede ao cemiterio da localidade.

 

Mediante esta actuación estase a habilitar un paso peonil no punto 17+105, ampliando a beirarrúa da marxe esquerda e creando unha nova no extremo dereito do paso. Mantense unha beiravía de 50 centímetros entre a marca viaria e o bordo. A ampliación da beirarrúa da marxe esquerda realízase sobre a banda de aparcadoiro actual.

 

A beirarrúa nova da marxe dereita execútase sobre parte da plataforma existente, onde actualmente se atopa o carril de deceleración de 4,50 metros de ancho. Neste treito reordénase o espazo para dispoñer un carril de saída de 2,50 metros de ancho e dar continuidade á beirarrúa desde o paso peonil ata superar a intersección actual, chegando a conectar coa estrada que dá acceso ao cemiterio.

 

A beirarrúa será de formigón, de 12 centímetros de espesor, con ancho variable e con bordo de formigón prefabricado. A pendente transversal será de 1% cara á estrada.

 

O paso peonil dotarse de iluminación específica e semaforización, para o que se realizarán as actuacións necesarias para garantir o subministro eléctrico aos ditos elementos.

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro.

Imaxes relacionadas