O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta tarde coa alcaldesa de Miami-Dade, Daniella Levine Cava

Conde convida á alcaldesa de Miami-Dade a visitar Galicia acompañada por empresas do país

Conde tamén mantivo esta tarde un encontro co comisionado e presidente do Comité de Recreación, Asuntos Culturais e Turismo, Javier Souto; e co presidente do Comité da Xunta de Comisionados e do Comité de Comercio e Turismo, Pepe Díaz

Amosa o interese de Galicia por manter abertas vías de comunicación coas institucións de Miami porque se poden traducir en novas oportunidades para seguir estreitando lazos comerciais con EE.UU

Miami (EE.UU.), 14 de novembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Miami-Dade, Daniella Levine Cava, a quen convidou a visitar Galicia acompañada por empresas do país. Foi logo de manter un encontro co comisionado e presidente do Comité de Recreación, Asuntos Culturais e Turismo, Javier Souto; e co presidente do Comité da Xunta de Comisionados e do Comité de Comercio e Turismo, Pepe Díaz.

Na xuntanza coa alcaldesa Daniella Levine, Conde amosou o interese de Galicia por manter abertas vías de comunicación coas institucións de Miami porque se poden traducir en novas oportunidades para seguir estreitando lazos comerciais con EE.UU. Ao respecto, puxo en valor o labor que realiza a antena do Igape en Miami.

O vicepresidente económico salientou que Galicia ten nos Estados Unidos un mercado de referencia para o desenvolvemento do sector contract, aeroespacial, agroalimentario, naval, turístico e TIC.

Así, apuntou que o contract galego xa é coñecido en EE.UU. porque varias firmas do sector están implantadas alí e porque, ademais, en todo o mundo hai exemplos de proxectos coa Marca Galicia. Polo tanto, considerou que hai moitas posibilidades de seguir incrementando a presenza do contract galego no sector residencial, hoteleiro, a nivel de servizos públicos ou tendo en conta que en Miami están implantados os moitos estudos de arquitectura que operan en toda Latinoamérica.

No que respecta á industria aeronáutica, o vicepresidente económico destacou que o Estado de Florida está considerado o lugar de nacemento da aviación comercial e porta de entrada ao mundo do espazo. Alberga 131 aeroportos de uso público, 20 aeroportos comerciais e máis dun cento privados, e dous dos nove aeroportos espaciais de EE.UU. —Cabo Cañaveral (NASA) e Cecil Field, epicentro da innovación aeroespacial no país—.

A industria aeronáutica en Florida representa o 1,8 % do PIB total de EE.UU. Conta con máis de 630 empresas dedicadas a este sector e arredor de 1.700 centros aeronáuticos, e dá emprego a máis de 1.600 persoas. Florida é, tamén, sede dos principais fabricantes de todo tipo de aeronaves e compoñentes. E, en consecuencia, ten unha rica cadea de subministración con cadros de persoal altamente cualificados.

Tendo en conta, polo tanto, como este sector se vai orientado cara á innovación e o desenvolvemento de novas tecnoloxías, Conde sinalou que as principais oportunidades para empresas galegas van estar na aviación civil e no segmento dos vehículos aéreos non tripulados, que en EE.UU. tamén está crecendo e se prevé que o seu uso se estenda do campo militar ao comercial.

Con esta perspectiva, o vicepresidente económico presentou en Miami o Polo Aeroespacial de Galicia, cun investimento previsto ata 2026 que acada xa os 300 M€, e no que participan como socios tecnolóxicos as principais empresas desta industria: Airbus, Babcock e Telespazio, xunto con Indra e Boeing. Segundo dixo, Galicia quere formar parte deste ecosistema aeronáutico de referencia mundial. E, no obxectivo de internacionalizar o traballo que se vén facendo no Polo Aeroespacial de Rozas, recoñeceu que Florida é un dos puntos do mapa ao que mirar: por experiencia, por aprendizaxe e por calquera proxecto en común que se lles poida plantexar ás empresas galegas do sector.

Por outra banda, sabendo que Miami foi o porto con máis pasaxeiros dos últimos anos —cunha media de 6 millóns de pasaxeiros anuais , considerada como a capital mundial dos cruceiros—, o obxectivo de Galicia, segundo Conde, é basearse na súa experiencia para lograr que os portos galegos sigan sendo unha escala de referencia dos cruceiros que chegan a Europa.

Imaxes relacionadas