O Bono Activa Comercio da Xunta mobilizou xa preto de 5 M€ en vendas e conta xa con máis de 6.200 establecementos adheridos

Os comerciantes poden seguir sumándose ata o 30 de novembro a esta iniciativa a través da cal a Administración autonómica ingresou ata a data aos comerciantes preto dun millón de euros, correspondentes aos bonos xa utilizados polos clientes

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022

O Bono Activa Comercio da Xunta xa mobilizou preto de 5 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade galego. Ata a data adheríronse á iniciativa máis de 6.200 establecementos, e esta cifra pode seguir aumentando xa que os comerciantes poden sumarse á iniciativa ata o 30 de novembro.

 

A Administración autonómica xa ingresou aos negocios participantes preto dun millón de euros, correspondentes aos bonos xa utilizados polos clientes. En total a Administración autonómica destina 5 millóns de euros a este programa co que se busca impulsar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais e contribuíndo ao mesmo tempo a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos. Máis de 166.000 consumidores de toda Galicia descargaron todos os descontos de 30 euros dispoñibles a través deste programa, e teñen agora ata o 31 de decembro para realizar as súas compras. 

 

Este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.

Imaxes relacionadas