Fernández-Tapias anuncia a apertura do concurso de ideas do novo centro de asociacionismo de Vigo, que contará cun auditorio para 400 persoas e salas de ensaio e exposicións

A delegada territorial avanzou que este xoves se publican as bases para a reforma integral do edificio da rúa Lalín
 

O obxectivo é habilitar locais para entidades sociais da cidade unha vez que finalice o traslado á Cidade da Xustiza

Vigo, 17 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou a publicación este xoves das bases do concurso de ideas para remodelar o edificio dos xulgados e convertelo no novo Centro de Asociacionismo de Vigo. O proceso lévase a cabo despois de que o Goberno galego e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) firmasen un convenio en busca do mellor proxecto.

 

Segundo inclúe o prego de condicións do concurso, o inmoble da rúa Lalín terá un auditorio con aforo para 400 persoas, unha sala de exposición, 6 salas de reunións, 5 salas de ensaio e 5 salas polivalentes, todas elas para uso por parte das asociación.

 

O documento final serviría de base á redacción do proxecto técnico, básico e de execución, incluído o proxecto de seguridade e de saúde, de xestión de residuos, a certificación enerxética e o proxecto de telecomunicacións das obras de rehabilitación, que o gañador do concurso de ideas presentaría no mes de marzo.

 

Esta actuación pretende habilitar locais na planta baixa e da primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Ademais, tamén se poderán trasladar dependencias administrativas que están a ocupar oficinas alugadas. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que na actualidade se destinan a aparcamento e zona de arquivos, polo que poderían habilitarse unhas 134 dependencias. 

 

As obras inclúen intervencións na carpintaría, revestimentos, acabados e instalacións, así como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio. O orzamento estimado para intervir na totalidade do edificio -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,6 millóns de euros.

 

Nesta contía inclúense 100.000 euros para os premios do concurso de ideas e máis de 409.000 euros para a redacción do proxecto derivado do concurso e a dirección de obra. Nos orzamentos resérvase un crédito de 3 millóns de euros co obxectivo de botar a andar o proxecto e comezar a súa posta en marcha o antes posible.

Coa posta á disposición do edificio da rúa Lalín a entidades sociais da cidade para a súa ocupación temporal, a Xunta contribúe a mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo.

Imaxes relacionadas