A Xunta pagará a partires da vindeira semana preto de 27 M€ correspondentes ao anticipo das axudas da PAC 2022-2023

Un ano máis Galicia estará entre as primeiras comunidades autónomas que pagarán anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC)

Ademais, no vindeiro mes de decembro prevese realizar un novo pago de axudas directas, por valor de máis de 115 millóns de euros, así como o pago de desenvolvemento rural de zonas con limitacións naturais, por 20 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022.-

A partires da semana que vén, a Xunta -a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)- comezará a facer efectivo o pagamento do anticipo das axudas directas da PAC correspondentes á campaña 2022-2023. En total, serán preto de 27 millóns de euros que beneficiarán uns 6.200 gandeiros galegos. Estes importes corresponden ás liñas de vacas nutrices e de vacún de leite.

Ademais, no vindeiro mes de decembro prevese realizar por parte do Fogga un novo pago de axudas directas, por valor de máis de 115 millóns de euros, onde van incluídas as axudas a vacún de carne, pago básico, pago verde, mozos e pequenos agricultores. Tamén se aboará o anticipo das axudas de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, por importe de 20 millóns de euros. Estes pagos beneficiarán, en conxunto, a máis de 25.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade.

Desta forma, un ano máis Galicia estará entre as primeiras comunidades autónomas que pagarán anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC). Así, o Fogga realizará o pago de anticipos tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. Este organismo pagador, adscrito á Consellería do Medio Rural, efectuará o pago do 70% da axuda total no anticipo e do 90% nas axudas do saldo, o máximo establecido pola Comisión Europea.

Por provincias, Lugo é a máis beneficiada, con case 14 millóns de euros de anticipo. Séguenlle A Coruña, con arredor de 9 millóns de euros; Pontevedra, cuns 2 millóns e Ourense, con aproximadamente 1 millón de euros. Por concellos, o pontevedrés de Lalín, o lugués da Pastoriza e o coruñés de Mazaricos son os que teñen maior número de beneficiarios e importes.