A Xunta activa o convenio con Farmamundi para prestar atención básica en saúde no Kurdistán iraquí

Dotada con 20.400 euros, a intervención de emerxencia permitiralles a 9.000 persoas desprazadas e retornadas mellorar o acceso, a cobertura e a calidade dos servizos de atención primaria

O obxectivo é fortalecer a operatividade do sistema público e garantir servizos de saúde integrais, sustentables e sen discriminación

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022 A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a prestación de atención básica en saúde no Kurdistán iraquí. Trátase dunha intervención de emerxencia dotada con 20.400 euros que lles permitirá a 9.000 persoas, a meirande parte delas mulleres e nenas, mellorar o acceso, a cobertura e a calidade dos servizos de atención primaria.

A iniciativa céntrase no campo de poboación desprazada interna de Cham Mishko e a localidade de retorno de Bouzan, onde se adquirirán e distribuirán medicamentos esenciais, material médico-sanitario e reactivos de laboratorio. O obxectivo é fortalecer a operatividade do sistema público de atención primaria básica e garantir así servizos de saúde integrais, sustentables e sen discriminación.

Nesta intervención Farmamundi conta como socia local coa ONG Heevie Health Organization. Ambas as dúas son as únicas entidades que prestan servizos de atención básica en saúde no campo de Cham Mishko.  

Preto de 1 M€ en colaboracións

Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi, por un monto de 939.044 euros, incluíndo o acordo e dúas addendas deste ano.

O obxecto destes convenios é realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).