A Xunta celebra que a denominación de orixe Queixo Tetilla fose recoñecida como entidade de certificación de produto pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC)

Trátase do primeiro Consello Regulador de queixo galego que obtén esta acreditación, que recoñece a súa competencia técnica para a certificación do Queixo Tetilla e que foi posible grazas ao apoio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Dáse así un paso máis para asegurar ás persoas consumidoras que o queixo amparado que merca está elaborado en Galicia, con leite procedente de explotacións galegas controladas e seguindo o método tradicional
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022.-

A Xunta celebra que o Consello Regulador da denominación de orixe protexida (DOP) Queixo Tetilla lograse a acreditación como entidade de certificación de produto conforme á Norma Europea UNE-EN ISO/IEC 17065. Este recoñecemento, outorgado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), dá conta da súa profesionalidade no control da calidade dos queixos amparados e foi posible grazas ao apoio técnico e económico achegado desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural.

 

Trátase do primeiro Consello Regulador de queixo galego que obtén esta acreditación, coa que finaliza a súa adaptación á lexislación da Unión Europea ao tempo que se ratifica como unha organización imparcial, transparente, con persoal dotado dos coñecementos técnicos e da experiencia axeitada para avaliar o labor que exercen todos os operadores implicados no proceso de elaboración do Queixo Tetilla.

 

A acreditación vén avalar o traballo a prol da calidade levado a cabo dende as explotacións gandeiras ata os elaboradores, que -tendo como principal obxectivo incrementar a valoración do produto- lograron adaptarse a unha serie de normas e procedementos de control moi esixentes. Dáse así un paso máis para asegurar ás persoas consumidoras que o queixo amparado que merca está elaborado en Galicia, con leite procedente de explotacións galegas controladas e seguindo o método tradicional.

 

Cómpre engadir que o Consello Regulador da denominación de orixe protexida Queixo Tetilla aplica programas anuais de control ás explotacións gandeiras, aos primeiros compradores de leite e queixerías que, unha vez superados de forma satisfactoria, permítelles a estas últimas utilizar a marca da DOP nos queixos elaborados de acordo aos requisitos que se recollen no prego de condicións rexistrado na Comisión Europea. Todo isto supón un valor engadido para o consumidor destes queixos, que son recoñecibles facilmente por presentar, ademais da etiqueta comercial co logotipo europeo común a todos os alimentos amparados pola DOP, as contraetiquetas numeradas co logotipo da denominación de orixe protexida Queixo Tetilla.