O Servizo Galego de Saúde publica a resolución definitiva do concurso de traslados aberto e permanente do ano 2022

No ciclo de adxudicación correspondente a este ano resultan un total de 899 destinos adxudicados

A categoría con máis adxudicacións é enfermería, cun total de 375 prazas
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se publica a resolución definitiva do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas do persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos que traballa na atención primaria, nos hospitais e nas entidades adscritas á Consellería de Sanidade e Sergas.

Este é o quinto ciclo deste proceso de concurso aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017 , que permite facer mais accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia a conciliación da vida laboral e familiar dos/das profesionais e a mellora profesional, posibilitando o cambio de posto e destino cunha periodicidade anual.

Para as categorías de facultativo/a especialista de área de cirurxía ortopédica e traumatoloxía e medicina interna e médico/a de familia adiantouse a publicación da resolución definitiva do concurso de traslados aberto e permanente do ano 2022 ao mes de outubro coa finalidade de incorporar ao persoal o antes posible. Agora resolvese definitivamente o proceso de concurso de traslados deste ano 2022 para o resto de categorías.

Participaron neste concurso de traslados un total de 3.328 profesionais pertencentes a 67 categorías de persoal estatutario que puideron optar a 7.936 destinos, resultando adxudicatarios/as de praza un total de 899 profesionais.

Por titulacións, adxudícanse 211 destinos de persoal licenciado sanitario, 397 de persoal diplomado sanitario, 86 de persoal sanitario de formación profesional e 205 de persoal de xestión e servizos.

A categoría con máis adxudicacións é enfermaría, cun total de 375 destinos adxudicados. Outras categorías con un número elevado de adxudicacións son: persoal de servizos xerais (75), grupo auxiliar da función administrativa (62) e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría (57).

Por áreas sanitarias, Coruña-Cee, Vigo e Santiago-Barbanza son as que incorporarán o maior número de profesionais, cun total de 201, 173 e 154 respectivamente.

Un total de 70 profesionais proceden de fóra de Galicia -dos/das cales 23 corresponden á persoal licenciado sanitario de diferentes especialidades.

Por tramos de idade, un total de 33 profesionais teñen menos de 40 anos, 579 teñen unha idade comprendida entre 40 e 55 anos, e 285 superan esta idade. Do total de persoas adxudicatarias o 78,34 % son mulleres.

Cese e toma de posesión no destino adxudicado

O persoal que obteña praza neste proceso deberá cesar na que, de ser o caso, desempeñe no Sergas, o primeiro día seguinte á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. A toma de posesión do novo destino obtido no CAP debe efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cese, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde, no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. Estes prazos son os recollidos no artigo 30, apartado 2) do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

Dado que en determinadas categorías/especialidades está a próximo a finalizar o proceso selectivo para a incorporación de novo persoal fixo mediante OPE, coa finalidade de conseguir unha mellor organización asistencial, a incorporación dos profesionais realizarase de xeito simultáneo, procedendo polo tanto o aprazamento dos prazos de toma de posesión do concurso ata a resolución da OPE.

Nas categorías de: facultativo especialista de área das especialidades de alergoloxía, análises clínicos, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, cirurxía cardiovascular, cirurxía xeral e aparello dixestivo, dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específica, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria e uroloxía, nas categorías de médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a asistencial do 061 e nas categorías de técnicos/as superiores en anatomía patolóxica e citoloxía, en hixiene bucodental, en imaxe para o diagnóstico, en laboratorio de diagnóstico clínico, en radioterapia e técnico/a en farmacia, o cese e os prazos posesorios quedan diferidos ata o día en que se inicien os prazos posesorios dos/as aspirantes seleccionados/as no concurso-oposición para o ingreso en ditas categorías convocados por Resolucións do 13 de decembro de 2019 desta Dirección Xeral, logo da publicación da resolución pola que se nomeen como persoal estatutario fixo e se lles adxudique destino definitivo.

Coa publicación desta resolución definitiva e a incorporación dos/as profesionais aos destinos adxudicados, dáse por finalizado o ciclo anual de concurso de traslados do ano 2022 para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

O concurso de traslados permite avanzar na estabilidade dos cadros de persoal con persoal con destinos definitivos, permitindo así mesmo que o persoal poda optar aos postos que desexan cada ano. Sendo esta posibilidade de traslado anual unha medida moi valorada polo persoal.

A estabilización de persoal será completada coas OPES que se convocarán no mes de decembro como mais de 4.000 prazas para acceso con persoal fixo.