O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias presidiu unha xornada informativa sobre a nova Política Agraria Común 2023-2027 e outras achegas

A Xunta destaca a importancia para o rural galego das axudas da PAC e de plans de mellora e incorporación de mozos

José Balseiros lembrou que o Goberno galego volveu convocar este ano unha liña de anticipos para adiantar aos agricultores e gandeiros galegos no verán uns 200 millóns de euros das achegas da PAC

Salientou tamén que se vén de habilitar un novo apartado na web do Fondo Galego de Garantía Agraria que recolle información útil tanto dos procedementos de cada unha das axudas da PAC 2023-2027 como das súas novidades

Puxo en valor que as achegas para plans de mellora, incorporación de mozos ao agro e creación de pequenas explotacións supuxeron este ano un investimento de 37,5 millóns de euros aos que se sumarán outros 54,8 millóns de euros para 2023
 

Lugo, 22 de novembro de 2022 O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu hoxe en Lugo unha xornada informativa sobre a nova Política Agraria Común (PAC) 2023-2027 e sobre outras achegas de relevancia para o sector primario. Neste acto, destacou a importancia deste tipo de subvencións para contribuír ao futuro do rural galego. 

Nesa liña, o director xeral lembrou que a Xunta volveu convocar este ano as axudas que permitiron adiantar no verán aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das achegas da PAC. Unhas axudas que, segundo recordou, cóbranse habitualmente no outono e permiten reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que potencian os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

De feito, esta semana, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) comezará a facer efectivo o pagamento do anticipo das axudas directas da PAC correspondentes á campaña 2022-2023. En total, serán preto de 27 millóns de euros que beneficiarán uns 6.200 gandeiros galegos. Estes importes corresponden ás liñas de vacún de leite.

Ademais, trasladou José Balseiros, no vindeiro mes de decembro prevese realizar por parte do Fogga un novo pago de axudas directas, por valor de máis de 115 millóns de euros, onde van incluídas as axudas a vacún de carne, pago básico, pago verde, mozos e pequenos agricultores. Tamén se aboará o anticipo das axudas de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, por importe de 20 millóns de euros. Estes pagos beneficiarán, en conxunto, máis de 25.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade.

Próximo período

Coa vista posta no próximo período, José Balseiros recordou que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) vén de lanzar un apartado dentro da súa páxina web dedicado á PAC 2023-2027. Nel, os usuarios atoparán información útil tanto dos procedementos de cada unha das axudas como das súas novidades. Ademais, este espazo tamén inclúe, no apartado SIXPAC e Monitoraxe, un resumo por usos de todas as parcelas de Galicia, un enlace ao visor SIXPAC e información xeral sobre os controis de campo que realiza o Fogga. A maiores, o portal ofrece un mapa interactivo de Galicia por concellos que permite consultar os importes das axudas das últimas campañas, das superficies por usos do terreo e da produción de leite.

O director xeral referiuse tamén a outras axudas de relevancia para o sector agrogandeiro, como son as destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, que contaron cun orzamento global de 37,5 millóns de euros este ano. Así mesmo, indicou que para o ano que vén estas achegas conlevarán un orzamento de 54,8 millóns de euros.

Balseiros salientou que con estas subvencións búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción, co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Imaxes relacionadas