O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria inaugurou este certame gastronómico, que se celebra no Centro integrado de formación profesional Compostela

Hoxe comeza en Santiago unha nova edición das Catas dos meles e dos queixos de Galicia

Ao longo desta mañá, un panel de sete expertos catarán 33 meles -monoflorais e multiflorais- pertencentes a 20 industrias
 

Mañá será a quenda dos queixos, onde 12 expertos analizarán un total de 43 mostras de 30 queixerías

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá no Centro integrado de formación profesional (CIFP) Compostela, en Santiago, as Catas oficiais dos meles e dos queixos de Galicia 2022. Alí puxo en valor o compromiso da Consellería do Medio Rural coas producións galegas de calidade, para as que se investirán máis de 5,4 millóns de euros en 2023 para a súa promoción.

 

Neste senso, hoxe desenvolverase ao logo de toda a mañá a XXI Cata dos meles, onde un total de sete expertos analizarán 33 meles, nas categorías de monoflorais e multiflorais, pertencentes a 20 industrias inscritas na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.

 

En canto á XXV Cata dos queixos, esta comezará o xoves pola tarde e nela participarán un total de 30 queixerías pertencentes ás catro Denominacións de Orixe Protexida (DOP) con 43 mostras distribuídas entre a de Queixo Tetilla, a de Arzúa-Ulloa, a de San Simón da Costa e a do Cebreiro.

 

Carácter único

A través destas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores queixos e meles como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

 
Así, no caso dos queixos, a organización outorgará un trofeo e diploma que indique o posto acadado (en función das mostras participantes, poderá haber a distinción de ouro, prata e bronce) nas categorías de: Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa (que inclúe tamén a subcategoría de Arzúa-Ulloa curado), Cebreiro e San Simón da Costa. No que se refire aos meles cataranse este ano dúas categorías: meles monoflorais e meles multiflorais, que recibirán tamén un trofeo e un diploma acreditativo do posto acadado neste certame.

Imaxes relacionadas