O presidente da Xunta interveu na entrega ao Banco Sabadell Gallego do Premio á Excelencia Empresarial organizado polo Club Financiero de Santiago

Rueda advirte da necesidade de crear un clima social propicio con políticas estables para que as empresas poidan xerar riqueza

Resalta o carácter emprendedor do empresariado galego que traballa para xerar emprego e a “valentía” dos bancos que arriscan o seu patrimonio

Rexeita o afán fiscalizador do Goberno central a empresas e entidades e garante o apoio do Goberno galego “aos bos empresarios que dinamizan a economía”
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu hoxe da necesidade de crear un clima social propicio con políticas estables para que as empresas poidan xerar riqueza. O mandatario galego interveu na entrega ao Banco Sabadell Gallego do Premio á Excelencia Empresarial organizado polo Club Financiero de Santiago. 

Alfonso Rueda resaltou o carácter emprendedor do empresariado galego que traballa para xerar emprego e lamentou que hoxe en día se rescaten divisións que fracturan á sociedade con políticas xa superadas e que prime o afán fiscalizador do Goberno central que persegue ás empresas e entidades que arriscan os seus cartos “para crear riqueza”. 

Fronte a esas políticas, Alfonso Rueda garantiu o apoio do Goberno galego “aos empresarios que dinamizan a economía”. Asegurou que en Galicia había “moitos e moi bos”, polo que quixo aproveitar o acto para recoñecer a importancia do tecido empresarial da Comunidade para vertebrar o territorio e crear emprego. A todos eles garantiulles que a Xunta responderá con “certezas e estabilidade”, que ao seu entender, “é o que necesitan das Administracións”. 

O titular do Goberno galego felicitou tamén á banca en xeral pola súa “valentía” á hora de arriscar o seu patrimonio e apostar por Galicia. En concreto, referiuse ao Banco Sabadell Gallego, ao que felicitou por ter “a intelixencia” de entender o apego dos galegos polo seu e de conservar esa identidade na súa marca. “Agradezo a aposta que fixo por esta terra e polas empresas desta terra para que aquí sigamos mellorando”, asegurou en relación á entidade recoñecida polo Club Financiero de Santiago.     

Imaxes relacionadas