O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, clausurou hoxe a “Xornada de Presentación da Estrutura Conxunta de Colaboración Loxística na Eurorrexión”

A Xunta urxe ao Goberno de España unha planificación técnica e económica decidida para impulsar a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto

Ignacio Maestro remarca que cómpre que a conexión ferroviaria Vigo-Porto sexa declarada como Rede Básica e parte do Corredor Atlántico

Lamenta que a falta de avances nos trámites para executar a infraestrutura entre Vigo e a fronteira portuguesa en alta velocidade fai actualmente imposible aspirar á súa posta en servizo antes do 2033, con tres anos de retraso en relación á parte lusa

Incide na necesidade de que o Goberno cree o Comisionado do Corredor Atlántico, defina un Plan Director e, de forma consensuada coas comunidades do noroeste, impulse os proxectos para o fortalecemento da rede ferroviaria de mercadorías

Destaca que a combinación das liñas férreas A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-León e a conexión de Vigo con Porto permitirían multiplicar a capacidade loxística das empresas da Eurorrexión

Vigo, 25 de novembro de 2022

A Xunta urxe ao Goberno de España unha planificación técnica e económica decidida para impulsar a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto.

 

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe na “Xornada de Presentación da Estrutura Conxunta de Colaboración Loxística na Eurorrexión”.

 

Ignacio Maestro incidiu na necesidade de que a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto sexa declarada como Rede Básica e parte do Corredor Atlántico co obxectivo de conseguir o seu impulso e finalización canto antes, sinalando que non é suficiente con incluír esta conexión na Rede TENT-T como “Rede Básica ampliada”, que fixa o horizonte temporal en 2040.

 

Na súa intervención, o director xeral de Mobilidade instou ao Goberno central a trasladar un plan inequívoco para esta conexión, similar ao declarado polo Executivo luso, co fin de poder impulsar e avanzar nesta actuación estratéxica para a competitividade económica de Galicia.

 

Lamentou que a falta de avances por parte do Goberno de España nos trámites para executar a infraestrutura entre Vigo e a fronteira portuguesa en alta velocidade fai actualmente imposible aspirar á súa posta en servizo antes do 2033, tal como ratifican os estudos acometidos pola Xunta, con tres anos de retraso en relación á parte lusa.

 

Lembrou que a inclusión nos corredores ferroviarios achegan a posibilidade inédita de acceder a unha fonte extraordinaria de financiamento, o mecanismo Conectar Europa, para a modernización da rede de ferrocarril.

 

Neste sentido, insistiu na necesidade de que o Goberno de España cree o Comisionado do Corredor Atlántico, defina o Plan Director e, de forma consensuada coas comunidades autónomas do noroeste, impulse os proxectos máis prioritarios para o fortalecemento da rede ferroviaria de mercadorías.

 

Apuntou que iniciativas como Cologistics facilitan o traballo coordinado entre administracións, co tecido empresarial e os axentes sociais para incrementar a cohesión territorial e facer da posición xeográfica periférica de Galicia unha gran virtude en termos de competitividade, aproveitando a súa condición de porto da fachada atlántica.

 

Así, concretou que a combinación das liñas A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-León e a conexión de Vigo con Porto permitirían multiplicar a capacidade loxística das empresas da Eurorrexión.

 

Un obxectivo, precisou, que será posible grazas a acurtar o tempo de viaxe entre todas as poboacións da fachada atlántica, deixando, por exemplo, a unha hora a Vigo e Porto.

Imaxes relacionadas