Os robots cirúrxicos incorporados pola Xunta á sanidade pública galega roldarán as 2.500 intervencións realizadas a finais deste ano

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu aos cirurxiáns galegos a súa implicación con esta nova tecnoloxía, durante a inauguración da reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; inaugurou esta tarde a LVXI Reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia, un acto no que destacou que os robots cirúrxicos ‘Da Vinci’, adquiridos pola Xunta para a sanidade pública galega, roldarán as 2.500 intervencións realizadas antes de que remate o presente ano.

Durante a súa intervención, o titular de Sanidade agradeceu aos cirurxiáns galegos o seu papel na introdución desta nova tecnoloxía no Servizo Galego de Saúde. Así, apuntou que na actualidade, o Sergas conta con 60 titores, máis de 80 cirurxiáns de consola acreditados, e que supera o cento de cirurxiáns asistentes.

“A vosa experiencia contribúe a optimizar a atención que ofrecemos aos pacientes galegos”, -incidiu García Comesaña-, ao tempo que agradeceu o esforzo dos profesionais por avanzar no coñecemento científico e así “poñer a mellor cirurxía ao alcance da cidadanía”.

O conselleiro destacou o carácter innovador que supuxo a chegada dos robots Da Vinci á sanidade galega. Uns equipos para os que se realizou un investimento de máis de 56 millóns de euros, co obxecto de levar a cabo a súa instalación, mantemento e adquisición de material.

Estre as vantaxes máis salientables dos Da Vinci destaca a súa maior precisión cirúrxica, a posibilidade de acceder a zonas complexas, contar cunha excelente visualización e unha maior precisión nos movementos.

En canto aos hospitais, as melloras proporcionadas por este equipamento tradúcense na realización dun menor número de transfusións, menor tempo operatorio, menor estancia media dos doentes nos centros sanitarios, e menor número de complicacións intraoperatorias e post operatorias.

Coa adquisición destes sistemas cirúrxicos robotizados, a Xunta de Galicia mantén o seu obxectivo prioritario de achegar á poboación galega a mellor e máis avanzada cobertura sanitaria posible.