O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou esta mañá a xornada, que se celebrou na Cidade da Cultura
Ao redor dun centenar de profesionais do eido social, educativo, xurídico ou sanitario déronse cita neste encontro formativo
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou hoxe o II Foro Xuntos fronte aos abusos, un encontro dirixido a profesionais que traballan directamente coa infancia desde calquera eido: social, educativo, xurídico ou sanitario. Jacobo Rey destacou a importancia que ten a formación e dar unha resposta integral para axudar aos nenos e adolescentes vítimas desta situación.
Ao longo da mañá abordáronse cuestións como as estratexias actuais para o tratamento do abuso sexual infantil, os dereitos do menor e a intervención no procedemento xudicial, adolescentes vítimas e agresores sexuais, as consecuencias na idade adulta, os trastornos alimentarios como estrutura de protección ante o abuso sexual ou a importancia da valoración pediátrica nos casos de violencia sexual cara á infancia.