O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade reúnense cos representantes do Consello Galego de Colexios Médicos

A Xunta e os Colexios de Médicos acordan avanzar no impulso da atención primaria e na compatibilidade da práctica profesional

Os facultativos expresaron ao Goberno galego que, na súa opinión, é necesaria unha reestruturación territorial da atención primaria

A Xunta pide aos representantes dos médicos apoio para incrementar a capacidade formativa e contar con máis prazas MIR

Coinciden no diagnóstico sobre as principais dificultades que afronta o sistema sanitario, fundamentalmente a falta de médicos

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe que a Xunta acordou co Consello Galego de Colexios Médicos avanzar no impulso á atención primaria e na compatibilidade da práctica profesional. Estas foron as principais conclusións do encontro que presidiu o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, no que pediu o apoio dos Colexios para incrementar a capacidade formativa e contar con máis prazas MIR e unidades docentes.

Os representantes dos facultativos expresáronlle á Xunta que, na súa opinión, é necesaria unha reestruturación territorial da atención primaria.

Ambas partes coincidiron durante a reunión no diagnóstico sobre as principais dificultades que afronta o sistema sanitario, fundamentalmente a falta de médicos. García Comesaña subliñou que desde o ano 2009 xa se duplicaron as prazas de formación de medicina de familia en Galicia e que o 90 % dos profesionais que rematan esta especialidade quedan traballando no Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, o conselleiro reiterou o compromiso da Xunta de flexibilizar, antes do remate deste ano, os criterios de compatibilidade para os médicos que traballan tanto en centros públicos como en privados.

 

Imaxes relacionadas