O director do Igape, Fernando Guldrís, participa en Santiago de Compostela na xornada ‘A dixitalización e industria 4.0 na transformación da industria alimentaria’, onde apunta que “un dos retos máis importantes do sector a medio e longo e prazo é conseguir a dixitalización de toda a súa cadea”
Pon en valor as distintas liñas impulsadas pola Administración autonómica neste eido, entre as que destaca o Galicia Exporta Dixital, programa de internacionalización no que a industria alimentaria, xunto ao sector comercio e o metalmecánico, suman máis do 50% das solicitudes recibidas
Destaca a importancia dos Next Generation de cara á transformación industrial e lembra que a Xunta ten impulsado con Clusaga unha oficina técnica que busca facilitar o impulso e captación de proxectos sustentados nestes fondos europeos
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022 O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na xornada A dixitalización e industria 4.0 na transformación da industria alimentaria, organizada en Santiago de Compostela co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), onde puxo en valor o peso desta industria e a importancia de impulsar a súa transformación dixital e sostible.
“Un dos retos máis importantes do sector a medio e longo prazo é conseguir a dixitalización de toda a súa cadea, de forma que se aumente a confianza do consumidor”, incidiu Guldrís, quen destacou as distintas liñas e actuacións promovidas polo Goberno galego neste eido. Así, lembrou, o Igape impulsa cada ano axudas á dixitalización das pemes, con apoios que chegan ata o 50% dos gastos dos proxectos, liña que volverá a activarse no 2023; ou promoveu os chamados cheques de dixitalización para autónomos e pequenas empresas, con axudas do 80% dos gastos dos proxectos de adaptación á situación xerada pola pandemia mediante a implantación de todo tipo de tecnoloxías dixitais.
Un escenario, afondou Guldrís, no que destacan tamén outras actuacións como o programa Galicia Exporta Dixital, que busca apoiar ás pemes no desenvolvementos de plans empresariais de internacionalización dixital. Nesta liña, detallou, a industria alimentaria, xunto ao sector comercio e o metalmecánico, suman máis do 50% das solicitudes recibidas.