Nava Castro visita o restaurante O Roquiño en Caldas de Reis, un dos beneficiarios da orde de axudas para a obtención da Q de Calidade Turística

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, indicou a importancia que ten para o noso turismo a obtención deste tipo de certificacións que aportan prestixio, fiabilidade, diferenciación e rigor aos establecementos diferenciados

Caldas de Reis, 1 de decembro de 2022 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o restaurante O Roquiño, en Caldas de Reis, para ver in situ a reforma que se está levando a cabo no restaurante no marco da certificación da marca Q de Calidade Turística a través dunha subvención outorgada por Turismo de Galicia.

 

Durante a súa intervención, a directora expuxo a importancia que ten para o turismo en xeral e para a nosa comunidade en particular, a obtención deste tipo de certificacións, xa que aporta prestixio, fiabilidade, diferenciación e rigor aos establecementos certificados.

 

Neste senso, Nava Castro indicou que mediante este tipo de certificacións búscase unha mellora na xestión empresarial, así coma a inmersión nun proceso de mellora continúa que redunda en determinados beneficios para os clientes como son a obtención dunha garantía da calidade dos produtos e servizos ofrecidos polos establecementos certificados e a maior confianza e seguridade na elección da empresa turística.

 

Para a obtención desta marca, a Comunidade puxo en marcha en abril deste ano unha orde de subvencións por valor de 170.000€ destinados a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/o privada, para os procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, ao obxecto da obtención e/o mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española.

 

Imaxes relacionadas