O novo Estatuto do persoal investigador permitirá que 19 centros públicos reforcen os seus equipos e capacidades en sectores estratéxicos para Galicia
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presidiu a Comisión Interdepartamental de I+D+i, á que tamén asistiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana
Na reunión abordouse a futura normativa que dará estabilidade e mellores condicións laborais aos profesionais, ao tempo que servirá tamén para atraer e retornar talento á Comunidade
Prevese que o documento, que será agora sometido a información pública, se aprobe durante o primeiro semestre do próximo ano
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presidiu este mediodía a Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta de Galicia, á que tamén acudiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Na xuntanza abordouse o futuro decreto que regulará o Estatuto do persoal de investigación da Administración autonómica, que dará estabilidade e mellores condicións laborais aos profesionais, ao tempo que servirá tamén para atraer e retornar talento á Comunidade.
Ao tempo, tal e como se salientou Conde no encontro, axudará a que 19 centros públicos poidan crecer reforzando os seus equipos e capacidades de investigación en sectores estratéxicos para Galicia como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o sector agrogandeiro. Neste sentido, un dos aspectos a destacar da norma que se está a tramitar é que favorece a colaboración entre o tecido investigador e o tecido empresarial, impulsando a transferencia de coñecemento, ao tempo que estimula o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación. Ademais, dá rango de lei á figura de investigador distinguido e ao contrato de actividades científico-técnicas.
O proxecto é froito dun intenso traballo, tanto no seo do grupo técnico da propia Comisión como con todos os axentes implicados, co obxectivo de lograr unha norma de consenso. A semana pasada pechouse a fase de consulta pública á cidadanía e aos colectivos interesados co obxectivo de recoller as súas achegas. O seguinte paso será agora a súa exposición pública, coa previsión de que estea aprobado durante o primeiro semestre do ano.
Galicia é pioneira con esta nova norma xa que só dúas comunidades máis (Baleares e a Comunidade Valenciana) están a regular a carreira investigadora, aínda que para o ámbito da sanidade. Cómpre salientar que a nova Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación establece a nivel estatal a necesaria estabilización laboral dos profesionais, pero non crea unha carreira, o que afecta sobre todo a quen desenvolve a súa actividade fóra das universidades ou o CSIC.