A Xunta presenta a orde de axudas para actuacións de eficiencia enerxética nos aloxamentos turísticos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou os Nidos de Carnota, onde expuxo a importancia da eficiencia enerxética no ámbito turístico, xa que contribúe á sostibilidade económica e medioambiental
 

Durante a súa intervención, Castro destacou a importancia desta iniciativa para seguir fomentando un turismo sostible e a favor do medio ambiente
 

Estas axudas, dotadas de 7,8 M€, están destinadas a hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos.
 

As axudas pódense solicitar ata o día 30 de marzo de 2023
 

Santiago de Compostela,  3 de decembro de 2022

  A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe as novas axudas de eficiencia enerxética para aloxamentos turísticos, dotadas de 7,8 millóns de euros durante unha visita ao establecemento Nidos de Carnota, onde destacou a importancia desta iniciativa para seguir fomentando un turismo sustentable e a favor do medio ambiente

Nesta liña, Nava Castro  expuxo a importancia da eficiencia enerxética no ámbito turístico, xa que contribúe á sostibilidade económica e medioambiental, algo que, indicou a directora de Turismo de Galicia, está altamente demandado. As axudas están  destinadas as pequenas e medianas empresas que sexan propietarias de edificios destinados a aloxamento turístico, no que están incluídos hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos.
 
As actuacións deberán contar cunha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida e coa mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono.

Así, os aloxamentos turísticos galegos poderán levar a cabo actuacións como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; a mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios; así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes e construídas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007, sempre que sexan edificios completos cuxo uso sexa aloxamento turístico.

“Galicia debe seguir traballando por ser unha potencia turística baseada nunha oferta sustentable que non só enriqueza o territorio, senón que deixe pegada; que teña un retorno económico en beneficio da súa sociedade”, defendeu para finalizar  Nava Castro.

Imaxes relacionadas