O presidente da Xunta participou no acto do XXX aniversario e asemblea da Asociación Nacional de Mujeres en Igualdad

Rueda reedita o compromiso da Xunta en seguir traballando na consecución da igualdade real en Galicia

A partida para esta área increméntase un 42% nos Orzamentos de 2023

Case a metade dos orzamentos do vindeiro ano irán dirixidos á loita contra a violencia de xénero

A nova Lei galega de Igualdade perseguirá a equidade dos dereitos da muller en todos os ámbitos da súa vida

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2022

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reeditou hoxe o compromiso do Goberno galego “en seguir traballando” na consecución da igualdade real en Galicia. “Avanzamos moito, pero aínda queda por facer”, advertiu na súa participación no acto do XXX aniversario e asemblea da Asociación Nacional de Mujeres en Igualdad, que se celebrou en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, o presidente da Xunta lembrou e valorou os seus anos ao fronte do departamento de Igualdade no Goberno galego. Consecuentemente, salientou as actuacións e melloras ao longo destes anos na “loita pola igualdade real” en Galicia. No entanto, admitiu que aínda quedan por “rachar barreiras que a permitan, tanto no traballo ou neses sectores onde a muller aínda segue a ser discriminada”.
 
Ante esta situación, insistiu en que desde o Goberno “se vai seguir avanzando” en materia de igualdade. Para iso, puxo en valor non só as actuacións para acadar un “cambio de mentalidade”, senón tamén os recursos económicos cos que conta a Xunta, en referencia ao incremento nun 42% da partida para esta área nos orzamentos do 2023, que contará para este obxectivo con 44,5 millóns de euros para o ano que vén.
 
Alfonso Rueda agradeceu que a Asociación Nacional de Mujeres en Igualdad elixira Compostela para a celebración do acto, e sacou a colación a longa listaxe de mulleres galegas que son un “referente potentísimo”, entre as que citou a Emilia Pardo Bazán, a Rosalía de Castro e a Isabel Zendal. Neste senso, apuntou tamén as actuais que se están a converter en referentes para as máis novas pola súa traxectoria en profesións e facetas antes consideradas masculinas.
 
Nesta liña, advertiu que en materia de igualdade “non é bo” que as nenas de hoxe en día teñan que “buscar no pasado ou esperar ao futuro”, xa que asegurou que na actualidade xa se conta con actuacións “potentes” neste eido por parte do Goberno galego, en referencia a que dos 44,5 millóns destinados a ese fin, case a metade van destinados á loita contra a violencia de xénero ou a que, en breve, se presentará para a súa aprobación a Lei galega de Igualdade, unha norma que persegue a equidade dos dereitos da muller en todos os ámbitos da súa vida.

Imaxes relacionadas