O centro contará con consultas de medicina xeral e de enfermaría, área de respiratorios, un espazo cuberto para a ambulancia e recepción con zona de espera
A parcela sitúase no núcleo de Mugueimes, próxima á Casa do Concello, ao campo de fútbol, á residencia de maiores e a todos os equipamentos do municipio
O novo centro de saúde está previsto na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta e substituirá ao actual, que conta con 36 anos de antigüidade e carencias estruturais
O contrato, cun orzamento de case 64.000 euros, prevé un prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para o de execución
As empresas interesadas no contrato poderán presentar ofertas ata o 11 de xaneiro
O investimento estimado pola Xunta para execución da obra é de máis de 786.000 euros, aínda que o orzamento quedará determinado polo proxecto
Esta actuación enmárcase no convenio asinado en maio entre Consellería de Sanidade e Concello de Muíños, que cedeu á Xunta en agosto unha parcela de 800 m2
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022 A Xunta licitou hoxe a redacción do proxecto para executar o novo centro de saúde de Muíños. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, cun orzamento de case 64.000 euros.
A parcela sitúase nunha zona próxima ao núcleo de Mugueimes, onde xa existe na actualidade outro centro de saúde.
Características técnicas
En canto ás características do novo centro de saúde, a superficie construída será de 420 m2 e a superficie útil de 375 m2.
Este novo edificio substituirá ao actual, que conta con 36 anos de antigüidade e carencias estruturais, como o feito de compartir espazos con vivendas municipais, que dificultan a prestación da atención sanitaria.